O Concello de Ferrol acaba de iniciar a licitación do novo contrato do servizo de axuda no fogar -SAF-. Tras a aprobación do expediente no pleno do pasado 30 de xullo, o departamento de Contratación publicou onte o anuncio na Plataforma de Contratación do Sector Público. Este trámite da inicio ao período de presentación de ofertas, que rematará ás 23.59 horas do próximo 10 de setembro.
O contrato terá unha duración de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo de outros dous e conta cun orzamento base de licitación, sen impostos, de 10.539.040,18 euros, mentres que o total do valor estimado é de 23.185.888,40 euros.
O SAF recolle unha serie de actuacións para levar a cabo actividades básicas da vida diaria, como son a asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, control do réxime alimentario, supervisión das rutinas de administración de medicamentos e apoio para cambios posturais. Tamén en relación a outras actividades, por exemplo, apoio en tramites administrativos urxentes ou acompañamento para acudir a consultas ou tratamentos. En canto a atencións de carácter doméstico e da vivenda, inclúe a limpeza ordinaria, a compra de alimentos e produtos de uso común, a preparación de alimentos, o lavado e coidado de prendas de vestir, depositar o lixo e a axuda cos animais domésticos. Ademais, recolle atencións de carácter psicosocial ou educativo, a posibilidade de actividades de acompañamento e socialización e servizos de podoloxía, fisioterapia e perruquería.
Subrogación de persoal
O novo adxudicatario deberá dispor de recursos humanos e materiais dabondo para prestar o servizo. Dentro dos primeiros cóntanse 1 responsable de coordinación, 1 coordinador cando haxa entre 50 e 99 usuarios -2 para entre 100 e 199, 3 para entre 200 e 399 e un incremento de 1 por cada 200 usuarios-, e suficientes auxiliares de axuda a domicilio. Na actualidade traballan no SAF 170 empregadas desta categoría profesional, mentres que 8 pertencen á de coordinadores. O prego contempla a subrogación de todo o cadro de persoal.
No referente aos medios materiais, esíxense un mínimo de 4 vehículos para desprazamentos de persoal auxiliar, 1 equipo informático por cada técnico, 1 oficina que cumpra os requisitos esixidos pola Xunta de Galicia para dispor de permiso de inicio de actividade, 1 teléfono móbil por cada técnico, 2 uniformes completos con chapas de identificación e luvas por cada auxiliar e un mínimo de 5 grúas, de 5 arneses, de 10 camas articuladas, de 1 cadeira de subida e baixada de escaleiras, de 10 cadeiras xiratorias, de 10 cadeiras de rodas, de 10 andadores, de 10 coxíns antiescaras, de 10 patas de elefante e de 10 alzadores inodoros, ademais de outros elementos auxiliares necesarios.
Discussion about this post