O Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME) posto en marcha polo Concello de Ferrol, e que establece axudas económicas a autónomos e pequenas empresas da cidade co fin de frear os efectos negativos da covid-19, recibiu un total de 1.376 solicitudes. O obxectivo do programa é “impulsar a actividade económica de Ferrol” e, ao mesmo tempo, “protexer o emprego dos nosos veciños”, segundo explicou o alcalde, Ángel Mato.
O Concello de Ferrol destina dous millóns de euros a este plan, co que pretende dar liquidez ás empresas para que atenúen o impacto que supuxo para elas a redución de ingresos e poidan manter os postos de traballo. As bases establecen varias contías. Unha fixa de 1.500 euros dirixida a persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo cando a súa actividade estivera afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto 465/2020 de 17 de marzo. Outra tamén fixa de 1.000 euros para os casos nos que a actividade non estivera recollida nese Real Decreto pero sufrise unha redución de facturación de polo menos o 75 %.
Ademais, ambas liñas de axuda recollen incrementos de 120 euros por cada persoa traballadora ata os nove empregados; de 100, entre os 10 e os 20 traballadores, e de 70, entre os 21 e 49. En todos os casos, os beneficiarios son autónomos, microempresas ou pequenas empresas con domicilio fiscal ou centro de actividade dentro do termo municipal de Ferrol.