A Deputación da Coruña xa realizou o pago dos depósitos previos correspondentes ás expropiacións dos 66 predios necesarios para acometer a segunda fase das obras da travesía da estrada DP-3612 de Aneiros-Cabana a Ferrol. A entidade destina 226.925,98 euros euros á adquisición destes terreos, que se suman ao orzamento de 636.110,84 euros cos que contan as obras, co que o investimento total superará 863.000 euros.
Os veciños e veciñas propietarios dos terreos están citados o día 23 de xullo, de 16.00 a 20.00 horas, na sede da Asociación de Veciños de Serantes. As obras darán continuidade ás realizadas nos primeiros 300 metros da travesía de Serantes. Desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0+300 e 1+100 e incluirán a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho con beiravías de 0,5 metros e creación de beirarrúas que contribuirán a mellorar a seguridade peonil nunha zona que rexistra un intenso tráfico de vehículos.
O proxecto inclúe tamén a renovación dos servizos afectados (rede de saneamento e abastecemento de auga) e a instalación de nova iluminación con luminarias LED, en lugar das actuais lámpadas de vapor de sodio.
Discussion about this post