O edificio da ludoteca da praza de España de Ferrol acollerá as probas que se realizarán para o estudo epidemiolóxico deseñado pola Xunta de Galicia co obxectivo de definir a auténtica dimensión da epidemia da COVID-19. O Concello cedeu ao Sergas esta instalación municipal para que poida realizar os máis de 1.500 test programados neste primera ronda e que se realizarán durante o que resta de semana e a próxima.
Con esta análise, a Consellería de Sanidade procurará un triple obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.
A citación ás probas realizarase mediante contacto telefónico con cada unha das persoas seleccionadas e, tras realizárselles unha pequena enquisa concretarase unha cita para facer o test. Neste senso, a toma da mostra consistirá nunha punción dixital que tras ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa COVID-19 ou non.
Discussion about this post