Axentes municipais da Policía Local de Ferrol que desenvolvían labores de vixilancia en Porta de Neira foron avisados de que nunha propiedade próxima había unha egua preñada que tiña un cepo nunha pata e que se movía con moita dificultade. Non tiña acceso a alimento nin auga, e, ao parecer, levaba varios días nesa situación, segundo a persoa que os informou.
Os policías liberárona do cepo e atárona nunha zona na que si había herba. Tamén reclamaron a presenza de persoal do servizo de lacería, pero este non foi quen de identificar ao propietario do animal a través do microchip que levaba implantado, polo que se abriu unha investigación para dar con el.
Ademais, durante esta fin de semana a Policía identificou a dous homes que cargaban nun camión árbores cortados nos montes de Brión. Unha patrulla desprazouse ao lugar pola mañá despois de que a central do 092 recibira información acerca da presenza na zona de Liñares dun vehículo de gran tonelaxe que excedía o peso permitido para a vía na que se atopaba. Xa no lugar, os axentes comprobaron a identidade do transportista e do operario dun tractor co que se estaba a cargar a madeira e levantaron atestado dos feitos.
O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, asegurou a raíz deste incidente que a Policía Local presta especial atención a este tipo de infraccións, xa que o incumprimento dos pesos máximos dos vehículos causa graves prexuízos na rede viaria do municipio.
Outra patrulla do corpo municipal identificou un día antes, o venres, na zona do peirao de Curuxeiras, a outros dous homes. Tratábase de dous dos participantes nunha pelexa multitudinaria que comezou pasadas as oito da tarde nun establecemento hostaleiro situado nas inmediacións. O 092 recibiu unha alerta e enviouse aos axentes ao lugar. Minutos despois, cando chegaron, a liorta xa rematara, pero puideron dar con dous dos implicados.
Discussion about this post