A Xunta propón un novo convenio do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, que permitiu que 80.000 veciños aforrasen máis de 12 millóns de euros nos seus desprazamentos. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Mestre, presidiu hoxe a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Ferrol, na que están integrados 11 concellos e a Xunta.
Neste encontro avaliouse o funcionamento deste plan social, posto en marcha en 2011, e acordouse a súa continuidade nos próximos 4 anos, en condicións similares ás que veñen aplicando desde a súa activación. A responsable da Xunta subliñou que entre o 2017 e o 2019 aumentou un 10% o número de viaxes realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol, superándose o ano pasado a cifra de 2,65 millóns de viaxes bonificadas. Indicou que desde a posta en marcha do Plan rexistráronse nesta área máis de 20 millóns de viaxes bonificadas.
Ethel Vázquez fixo fincapé no acento social deste programa, pois actualmente hai 71.400 veciños da área de Ferrol que empregan a Tarxeta de Transporte Metropolitano (TMG), para realizar os seus desprazamentos, beneficiándose de aforros de ata 1.200 euros ao ano. Tamén hai máis de 9.600 mozos menores de 21 anos que viaxan gratuitamente en autobús ou no FEVE coa Tarxeta Xente Nova.
“Un viaxeiro habitual entre Fene e Ferrol pode aforrar case 1.240 euros ao ano en viaxes en autobús se paga coa tarxeta bonificada”, explicou a conselleira. Estes beneficios son posibles grazas a unha achega económica que soporta de forma maioritaria a Xunta, que financia practicamente o 85% do Plan, fronte ao 15% que se reparte entre os 11 concellos.
Melloras nos servizos
A conselleira avanzou que a culminación da transformación completa do mapa de transportes, a finais de ano, supoñerá novas vantaxes para a veciños da área de transporte de Ferrol. Detallou que se renovaron os contratos de longa distancia que comunican Ferrol coas cidades da Coruña, Lugo ou Santiago, o que supoñerá importantes descontos nos billetes.
Ethel Vázquez sinalou, ademáis, que este plan posibilitará a implantación o próximo ano da Tarxeta Xente Nova para que os menores de 21 anos viaxen gratis en todas as liñas. A conselleira de mobilidade puxo en valor a aposta da Xunta polo transporte público, que é esencial para facilitar o acceso da poboación á educación, á sanidade pública ou aos centros de traballo. Para isto, o Goberno galego mobilizará 74 millóns de euros ao ano, na próxima década, para garantir o funcionamento do transporte público.
Discussion about this post