O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, solicitou o pasado mes de abril á Subdelegación do Goberno o emprego de máquinas quitaneves para a desinfección dos espazos públicos da cidade co fin de “sumar novas medidas de hixiene” ás que o Concello xa tiña en marcha desde que comezara a crise sanitaria da
Covid-19, a través do labor do Corpo de Bombeiros e da concellería de Servizos.
Os vehículos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana comezaron a desinfectar as rúas de Ferrol, tanto no centro urbano como do rural, a mediados de abril, e na actualidade un deles prosigue con este labor a pesar de iniciarse a fase 2 da desescalada. Ata o momento desinfectáronse ao redor de 400 quilómetros do municipio.
Onte mesmo, pasadas as dez e media da noite, unha quitaneves, cun depósito con capacidade para 6.000 litros, saíu do parque de Bombeiros de Ferrol para dispersar axente virucida por espazos públicos da cidade. Desinfectou a Senda 8.000 —o paseo peonil que se activa as fins de semana desde a avenida do Mar ata a Malata—, praza do Inferniño, O Bertón, o barrio de Caranza e a estrada de Castela, entre outros espazos, co fin de seguir na loita contra a propagación da Covid-19.
O Concello incorporou ao plan de limpeza e desinfección as demandas feitas polas asociacións veciñais. Ditas demandas están sendo atendidas á hora de perfilar os percorridos da máquina quitaneves. Este tipo de camións contan cun dispositivo co que habitualmente esparexen sal para evitar a formación de placas de xeo nas estradas, e que durante esta epidemia de coronavirus está a ser aproveitado para nebulizar líquido desinfectante.
Circulando polas vías públicas a arredor de 20 quilómetros por hora, son capaces de hixienizar as superficies horizontais e verticais ata unha altura de 1,5 metros e poden alcanzar os 4 metros en determinadas condicións.
Discussion about this post