ASCM avalía o nivel de accesibilidade nas praias de Ferrol e pide máis actuacións para as persoas con mobilidade reducida

A presidenta da Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate, acompañou, na tarde de onte, ao concelleiro de Mobilidade de Ferrol, Julián Reina, nun circuíto polas praias con bandeira azul da cidade.  Desde a ASCM vén insistindo na importancia de adaptar os espazos públicos ás distintas realidades existentes e de dar resposta ás necesidades do crecente número de poboación de idade avanzada que accede aos areais. Por iso a entidade considera necesaria unha aposta comprometida por ampliar, mellorar e sinalizar os servizos adaptados a persoas con mobilidade reducida: aseos, prazas de aparcamento ou zonas verdes.

Tras este primeiro percorrido e intercambio de impresións con veciños e usuarios, detectouse que as melloras de accesibilidade e usabilidade dos espazos son beneficiosas e empregadas para toda e por toda a cidadanía. ASCM, manterá o contacto co departamento de mobilidade da administración ferrolá, encabezado por Julián Reina, co fin intercambiar posturas e propostas, adaptadas ás particularidades de cada localización; respectando, sempre, o ecosistema e a contorna. Reina, comprometeuse a “analizar detidamente os aspectos que se poden optimizar para aumentar o grao de accesibilidade das praias”.