Esta mañá comezou en Ferrol a formación dos oito coordinadores de prevención que levarán a cabo as actuacións necesarias para que a xornada electoral do 12 de xullo na comarca se desenvolva coas máximas garantías sanitarias. En total estanse formando 133 profesionais nas delegacións territoriais da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
A actividade formativa inclúe contidos tanto teóricos como prácticos, como a visita in situ a un local electoral para levar á práctica as comprobacións que terán que facer antes das eleccións e tamén durante a propia xornada. De feito, a semana que vén os 133 representantes despregaranse polo territorio galego coa previsión de visitar todos os locais electorais e comprobar que poden cumprir coas condicións establecidas no protocolo aprobado pola Xunta.
O protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo aprobado pola Xunta establece que será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas.
Tamén establece que se deberán evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade dentro dos locais electorais: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección. Nesta mesma liña, tamén se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual. Priorizarase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.
En todos os locais, colocarase cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.
Así, as actuacións dos 133 representantes da Administración que se están formando desde hoxe será comprobar previamente que nos locais se poden cumprir as medidas do protocolo: distancias de seguridade ou fluxos de circulación. Tamén farán comprobacións o propio día da xornada electoral, mediante roldas de visitas, para verificar que se están respectando as medidas preventivas.