A pasada madrugada unha patrulla da Policía Local de Ferrol detivo a un home por danar o mobiliario urbano e arroxar diversos obxectos contra varios vehículos. Foi na rúa do Pintor Pérez Villaamil, na zona do Inferniño. O individuo, que presentaba signos de embriaguez, é o presunto autor da rotura de tres papeleiras e unha caixa do correo.
Tamén esta noite, foron identificados un home e unha muller despois de que se recibira aviso de que dende un sexto piso do barrio de Caranza lanzaran cartóns e un colchón á rúa. Os policías que acudiron interrogaron ao home que se atopaba no lugar recollendo os mencionados cartóns e o colchón.
Indicou que estaba axudando a unha veciña que se tiña que desfacer deles. Os axentes comprobaron que os residuos finalmente foron trasladados aos colectores de recollida.
Discussion about this post