O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, participou esta mañá na reunión da comisión de seguimento do convenio subscrito entre O Concello, o Concello de Narón, Acuaes e Augas de Galicia para a construción e explotación dos interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol, unha infraestrutura do sistema de saneamento que xestiona a sociedade estatal. Á xuntanza asistiron tamén a directora xeral de Acuaes, Rosa Cobo, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro.
Durante o encontro, Mato defendeu que o reparto de custes que se lles imputan aos dous concellos non responde en absoluto á realidade e esixiu a instalación de caudalímetros para que cuantifiquen exactamente o volume de augas residuais que cada municipio verte ao sistema, ao tempo que demanda que se teñan en conta os gastos que implica o emprego destas instalacións por cada un dos dous concellos.
O rexedor ferrolán lembrou que a estimación dun 70 % para Ferrol e un 30 % para Narón que se fixo no seu momento baseouse no abastecemento de auga, “pero o reparto de custes debe establecerse segundo o principio de que quen contamina paga”.
Tamén detallou que ata o 2019 o Concello de Ferrol aboou as cantidades que se lle demandaron a boa conta para a súa regularización posterior (unha vez cuantificados os caudais), pero tamén que el mesmo vén demandando dende que é alcalde un reparto xusto, e máis tendo en conta que obran no poder do Concello informes e estudos que poñen en cuestión a actual distribución das cargas económicas.
Ao tempo, Mato puxo de manifesto que en ningún momento o pleno de Ferrol aprobou o reparto de custes ao 70-30 % por haber informes técnicos desfavorables e defendeu que se trata dunha proporción “sen base técnica e que hai que axustar obrigatoriamente á realidade”. “Non hai nada, ningún informe técnico, que acredite esa proporción”, insistiu. Deste modo, a “suposta débeda acumulada do Concello de Ferrol con Acuaes non responde á falta de vontade de pago, senón a que non hai informe que avale dita porcentaxe e sirva para levantar o reparo da Intervención municipal”, sobre este aboamento.
A solución que propuxo o alcalde ferrolán é a mencionada instalación de dispositivos que midan o volume de auga que cada concello traslada a través do sistema e unha cuantificación exacta dos gastos de mantemento e en enerxía de cada un para poder reformular a porcentaxe que lles corresponde pagar ata que se axuste á realidade. Afirmou que así se vén solicitando “reiteradamente, dende hai máis dun ano”. Durante a reunión tamén se puxeron de manifesto os prexuízos que se están a causar ao Concello de Ferrol pola falta de pago da depuración, “nin tan sequera do 30 %”, por parte do Concello de Narón.
Tras o encontro, Ángel Mato asegurou que a súa intención é “defender, por enriba de todo, os intereses dos veciños e das veciñas de Ferrol”, xa que unha distribución axeitada dos custes de mantemento do servizo abrirá a posibilidade de reducir as taxas de depuración.
Discussion about this post