O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol denunciou onte a cantidade de multas e sancións que o Concello leva impostos aos veciños durante o primeiro trimestre do ano. Segundo o BNG o último informe económico trimestral do ano 2020, constata que dos 850.000 euros previstos de ingresos por multas ao longo de todo o ano Ferrol, o Concello ten xa recadado 590.000 euros “o que supón o 70% destes ingresos só nos tres primeiros meses do ano”, critican os nacionalistas.
O BNG reiterou que xa denunciou anteriormente a instalación de radares como o da Malata, así como a sua deficiente sinalización e o feito de que sancione de maneira diferente en función da ruta que realicen os veiculos que son sancionados.
Ademais disto, desde o BNG rexeitan que o servizo de multas esta privatizado “e que polo tanto un incremento destas sancións e destas multas supón un incremento nos beneficios da empresa que o xestiona”. Tamén denunciou o grupo nacionalista que “goberno local pretende poñer a funcionar o multacar para incidir todavía máis na recadación a través de multas e sancións aos veciños e veciñas desta cidade”
Deste xeito, piden ao Concello que realice unha “revisión de todas aquelas sancións impostas con anterioridade a nova sinalización que se ten feito do radar da malata, revisando a súa legalidade e correcta execución antes de tramitalas como está a facer de maneira xenérica”.
“Por outra parte deberían centrar os seus esforzos en facer que administracións como o Ministerio de Defensa a Autoridade Portuaria ou empresas como EMAFESA abonen os ingresos que lle adebedan aos veciños e veciñas deste concello antes que incrementar a presion fiscal e os ingresos por multas”, denunciaron os de Iván Rivas.
Discussion about this post