O Concello de Ferrol vai celebrar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o próximo 3 de decembro, coa posta en marcha de dous proxectos de sensibilización: ‘Sobre rodas’ e un Laboratorio de Inclusión, tal e como presentou esta mañá en comisión informativa de Benestar Social a concelleira Eva Martínez.
O primeiro, en colaboración coa asociación Aprende a voar, consiste en varias “sesións técnicas, didácticas e dinámicas” impartidas por persoas do colectivo vulnerable que padece discapacidade funcional. A través das súas experiencias trasladarán aos escolares de Ferrol as súa realidade no día a día e as barreiras ás que se enfrontan.
Aínda que “o ideal sería celebrar as xornadas dun xeito presencial”, explicou Martínez Montero, “pero por mor da pandemia as sesións serán gravadas previamente e poderán ser traballadas posteriormente nas aulas dos centros da cidade”. Todos serán informados e recibirán o enlace á sesión xunto coa documentación e propostas de actividades para desenvolver nos colexios.
As sesións recollerán en imaxes as necesidades dunha persoa vulnerable con discapacidade funcional e os retos que afrontan cada día. Tamén farán fincapé no respecto ás prazas de estacionamento reservadas ao colectivo “co fin de concienciar aos menores e, deste modo, chegar as súas familias”.
A concelleira de Benestar Social anuncio que o proxecto terá continuidade e visibilidade a través dunha actividade práctica. Nas prazas de aparcamento para persoas con discapacidade de cinco dos centros escolares participantes no programa colocarase unha placa adicional con debuxos explícitos e recoñecibles polos alumnos que recollerán o respecto ás mesmas. Esta actividade levarase a cabo en coordinación coa Policía Local.
Esforzo por “eliminar barreiras”
Cada persoa, explicou a edil, “debería esforzarse por eliminar calquera indicio de barreira ou problema que impida a participación plena das persoas con problemas de mobilidade ou funcionais, porque ninguén está exento de ter unha discapacidade funcional en calquera momento da súa vida ou na súa contorna máis próxima”, polo que desde o Concello de Ferrol “estamos a poñer todos os nosos medios para concienciar aos nosos veciños desta realidade”.
Tamén con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade o Concello poñerá en marcha un segundo proxecto, o Laboratorio de Inclusión. A edil explicou que se trata dunha plataforma que actuará como espazo de referencia para as persoas que precisen información nesta materia, dará visibilidades ás entidades do ámbito da discapacidade e divulgará as iniciativas municipais.
Tamén será un altofalante participativo no que toda persoa poderá realizar achegas e solicitar información que será trasladada ao departamento correspondente. Os seus tres grandes axentes, por tanto, serán a mesma sociedade, o Concello de Ferrol e as entidades sociais.
“O confinamento fixo que a cidadanía reflexionase. Creemos que é o mellor momento para abordar a imperiosa necesidade dunha sociedade inclusiva”, polo que desde a Administración local “lanzaremos o mesmo día 3 de decembro esta ferramenta virtual que permitirá acadar a inclusión das persoas con discapacidade”, concluíu a concelleira.
Discussion about this post