O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe as bases para a contratación en réxime laboral temporal e por procedemento de selección de 45 socorristas para prestar labores de vixilancia e salvamento nas praias do municipio de Ferrol durante a próxima tempada de verán. Deles, un desenvolverá as funcións de coordinador de praias e outros sete as de coordinador de caseta.
Os contratos, a xornada completa de 40 horas semanais, formalizaranse para unha duración determinada, do 20 de xuño ao 27 de setembro para os socorristas e coordinadores de caseta e do 15 de xuño ata o 27 de setembro para o coordinador de praias. Aos 45 socorristas contemplados nesta convocatoria sumaranse proximamente máis efectivos a través da subvención que concede a Xunta anualmente.
As solicitudes poden presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol durante o prazo de cinco días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria e das bases no BOP. Tamén se publicarán na páxina web municipal. Tamén poderán comunicalo mediante correo electrónico a [email protected] durante o mesmo prazo que o de presentación de instancias. Se se presentan a través das oficinas de correos, deberá aparecer o selo na propia solicitude. A data de anotación no Rexistro xeral será a que se teña en conta a tódolos efectos.
Requisitos dos solicitantes
Entre os requisitos que deben reunir os solicitantes está o de ter cumpridos dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación, dispoñer do título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente e estar inscrito no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia ou ter presentada dita solicitude e que non transcorrera o prazo de 3 meses de que dispón a Academia Galega de Seguridade
Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina municipal a listaxe provisional de aspirantes admitidos e excluídos, outorgando un prazo de 3 días hábiles para enmendar ou subsanar documentación. Coa listaxe definitiva publicarase tamén o lugar, data e hora da valoración da fase de concurso e da celebración do primeiro exercicio da fase da oposición, así como a composición do tribunal cualificador.
Discussion about this post