O Concello de Ferrol, a través da Sociedade Mixta de Turismo, oferta sete formacións telemáticas dirixidas a empresarios turísticos. Seis delas impartiranse en formato vídeo a través da ferramenta Vimeo —cada participante recibirá o seu contrasinal para o seu visionado— e unha mediante webinar en directo na plataforma Zoom.
A iniciativa, cofinanciada pola Deputación de Coruña, forma parte do programa de subvencións dirixidas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña para o presente ano.
Todas as formacións comezarán ás 17.00 horas. A primeira, Deseño de mapa de experiencias de clientes para o sector turístico, terá lugar e día 4 de xuño. A segunda, Deseño, creación e posta no mercado de experiencias de turismo gastronómico, o 9 deste mes. A terceira, A importancia do deseño web e do motor de reservas para incrementar as directas en aloxamentos turísticos, terá lugar o mércores 10 de xuño a través da plataforma Zoom.
O día 11 impartirase a cuarta formación ofertada polo Concello de Ferrol, que abordará o Márketing dixital e estratexia de contidos aplicados á xestión de crises. O 16 terá lugar o curso Implantación de CRM e e-mail márketing en cloud e o día 18 o de Inmersión á transformación dixital e desenvolvemento de negocios. Por último, o 23 de xuño terá lugar a formación baixo o título Innovarse ou morrer, claves para definir unha folla de ruta de innovación nas pymes.
Todos os interesados en participar poden enviar un correo electrónico a [email protected] ata dúas horas antes do inicio de cada curso indicando o nome da empresa.
Discussion about this post