O Concello de Ferrol vén de adxudicar a redacción do proxecto básico e de execución de obras varias de eliminación de elementos descontextualizados do Castelo de San Felipe para a súa posta en valor, así como a correspondente dirección da obra, por un importe de 5.638 euros.
Trátase dunha intervención no marco do proxecto europeo MMIAH, que busca poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso e xerar actividades co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica.
Despois de avanzar no proxecto de rehabilitación da torre da batería baixa do castelo de San Felipe, cuxa adxudicación está prevista para este mesmo ano por un importe que ronda os 100.000 euros, agora adxudicouse a redacción deste segunda intervención no castelo. O proxecto definirá as obras necesarias para eliminar distintos elementos descontextualizados e non orixinais dos castelo, que se foron engadindo ao mesmo co paso dos anos debido ao seu uso militar e que xeran unha afección negativa sobre o monumento, como ladrillo á vista, alicatados descontextualizados de terrazo e baldosa cerámica ou a barra da cantina.
Os traballos tamén deberán contemplar unha intervención sobre os aseos públicos da fortaleza que mellore o seu aspecto e funcionalidade así como a súa conversión a baños accesibles. En terceiro lugar o proxecto incluirá unha obra de conservación e mantemento da cuberta da sala de Cureñas e dos corpos de garda situados no acceso principal e tamén recollerá a mellora da sinalización interior do castelo tendo en conta o mal estado dos paneis actuais. A redacción do proxecto ten un prazo de execución de 45 días.
Ferrol, cidade líder do proxecto europeo
O Concello de Ferrol lidera o proxecto europeo MMIAH, que comezou a mediados de 2017 e rematará a mediados de 2021. Ten dúas liñas de actuación, unha no ámbito da recuperación e posta en valor do patrimonio histórico de cada municipio participante e outra orientada a crear un produto turístico conxunto e aumentar a chegada de turistas. De feito, o MMIAH estivo presente o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo 2020 (Fitur).
Participan no proxecto, ademais de Ferrol como cabeza da iniciativa, outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)—, e conta cun orzamento total de 3.288.099 euros, dos que o 75 % procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o 25 % restante dos fondos municipais de cada cidade.
Discussion about this post