O novo sistema de videovixilancia do tráfico que posibilitará á Policía Local mellorar o control a circulación en Ferrol comezará a funcionar en novembro. Logo de que os axentes que o van manexar pasasen un período de formación, os catro dispositivos a ser probados nos coches patrulla para verificar o seu correcto funcionamento sobre o terreo. A intención é que estean plenamente operativos dentro de dúas semanas para que poidan comezar a realizar o seu cometido o luns 2 novembro.
A Policía Local de Ferrol recibiu a finais de agosto os dispositivos que forman parte do novo sistema de videovixilancia. Este está integrado por catro cámaras especiais, que se conectan a dúas tablets con rede de datos e dúas impresoras que se montan nos coches patrulla segundo as necesidades de cada servizo. Estes equipos facilitaranlles aos axentes o control da circulación e do cumprimento das normas, xa que son capaces de ler as matrículas sen lugar a erro aínda en movemento.
Ademais de identificar infraccións como o estacionamento en dobre fila ou sobre beirarrúas e verificar o tempo de aparcamento de cada vehículo nas rúas, os aparatos permitirán realizar outro tipo de labores, como comprobar de maneira inmediata a situación administrativa de calquera vehículo. Por exemplo, se conta con seguro, se pesan sobre el precintos ou embargos ou se ten ao día a inspección técnica. Tamén alertará aos axentes cando detecte vehículos que consten como roubados ou dos que se sospeita que se empregan en actividades ilícitas, da mesma maneira que dos que sexan utilizados usualmente por condutores multirreincidentes ou delincuentes.
Concienciación cidadá
Para o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, a misión máis importante do sistema de videovixilancia do tráfico será a de “concienciar á cidadanía” de que as normas de tráfico deben ser respectadas, “para mellorar a fluidez da circulación e evitar prexuizos ao resto de usuarios das vías públicas, pero, por enriba de todo, para evitar situacións de risco e accidentes”.
Discussion about this post