O próximo venres, 5 de xuño (inclusive), remata o prazo para presentar solicitudes ás subvencións contempladas no Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME), sempre de maneira telemática a través da sede electrónica do Concello de Ferrol, tal e como contempla a Lei, e do Rexistro Electrónico Xeral da
Administración Xeral do Estado, ao que se pode acceder polo Punto de Acceso Xeral.
O PAME é o programa de axudas ás que se poden acoller aqueles negocios con sede en Ferrol que estiveran ou estean afectados pola crise da covid-19 e ao que o Concello de Ferrol destinará dous millóns de euros. O obxectivo é dar liquidez ás empresas para que atenúen o impacto que supuxo para elas a redución de ingresos e poidan manter os postos de traballo.
As bases establecen varias contías. Unha fixa de 1.500 euros dirixida a persoas físicas e xurídicas con ou sen traballadores ao seu cargo cando a actividade que desenvolven estea afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto 465/2020 de 17 de marzo. Outra tamén fixa de 1.000 euros para os casos nos que a actividade non estivera recollida nese Real Decreto pero sufrise unha redución de facturación de polo menos o 75%. En todos os casos, os beneficiarios serían autónomos, microempresas ou pequenas empresas con domicilio fiscal ou centro de actividade dentro do termo municipal de Ferrol.
A web municipal dispón dun apartado destacado co epígrafe Axudas PAME (Plan de Mellora para a Empregabilidade) que reúne información xeral, un vídeo resumen, as bases reguladoras, un listado da documentación necesaria, un modelo de documento de designación de conta bancaria, unha guía para a sinatura electrónica de documentos, unha guía para a presentación telemática, un modelo de formulario de solicitude, un modelo de declaración xurada e un modelo de representación.
Discussion about this post