O Concello de Ferrol, a través da concellería de Economía e Promoción Económica puxo en marcha esta mesma semana a fase formativa do programa “Ferrol Cidade Viva”, o plan deseñado polo Concello co fin de dar “impulso aos emprendedores da nosa cidade” e “axudarlles a buscar a sustentabilidade dos seus negocios ao tempo que reactivar a actividade económica local”.
Polo momento son 90 os establecementos participantes no programa. Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto aínda poden enviar un correo electrónico a [email protected] e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles.
A fase que comezou onte inclúe nove sesións elixidas polos participantes de entre 12 propostas, que se impartirán de forma telemática de luns e mércores. de 20.30 horas a 22 horas. ata o 15 de xullo. De forma paralela recibirán asesoramento personalizado “co fin de potenciar os aspectos que sexan máis relevantes para eles. Queremos axudarlles a obter o máximo rendemento dos seus negocios, e para elo terán acompañamento individualizado”, explicou a concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus
No mes de setembro continuarase coa formación e asesoramento e poñerase en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local co obxectivo de incentivar as compras e captar clientes”. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as vendas cruzadas.
O programa co que o Concello pretender darlle impulso ao comercio local non deixa de lado os recursos dixitais. Na posta en marcha da gran promoción dos negocios contarase cunha aplicación que terá dobre uso: os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos dos establecementos, sorteos, premios, incentivos ás vendas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo. O cliente poderá acceder a ela a través dun código QR que estará exposto nos establecementos participantes.
Discussion about this post