A Xunta vén de rematar as obras de mellora dos aparcadoiros e da vía de acceso ao hospital Naval de Ferrol. Os traballos, iniciados na segunda quincena de agosto, consistiron na renovación do firme do vial perimetral, de preto de 1 quilómetro de lonxitude, ademais de actuar sobre uns 5.000 m2 dos aparcadoiros.
A intervención forma parte das actuacións que se executan tamén nas accesos aos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos, e que supoñen un investimento conxunto de 200.000 euros. O conxunto das obras dispoñen dun prazo de execución de 5 meses. Os traballos céntranse nos viarios e aparcamentos, fundamentalmente na renovación do firme e na reparación das beirarrúas deterioradas.
O obxectivo das obras é reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos contornos destes hospitais, favorecendo a mobilidade, tanto de pacientes como de todo o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións hospitalarias. As obras no caso dos hospitais Arquitecto Marcide e Nóvoa Santos recollen a renovación do firme nos treitos máis deteriorados.
Ademais a intervención inclúe a mellora da sinalización interior e exterior dos tres hospitais. A execución destes traballos está coordinada cos responsables do Sergas, analizando as necesidades de actuacións, polo que as obras se realizan de xeito compatible cos equipos técnicos sanitarios para interferir o menos posible na actividade hospitalaria.
No caso concreto das actuacións no centro hospitalario Arquitecto Marcide, as intervencións fanse de xeito coordinado coas obras de ampliación que están en execución desde o pasado outono. Estas actuacións enmárcanse nun contrato máis amplo co que se impulsan acondicionamentos similares nas contornas de centros hospitalarios públicos da provincia e que supoñen un investimento global de 1 millón de euros.
Discussion about this post