Últimos trámites antes do inicio das obras nos proxectos ao cemiterio de Serantes e na rúa Basanta

A Mesa de Contratación do Concello de Ferrol avanzou onte na tramitación de ambas obras para que se materialicen nos próximos meses
serantesobras

A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol avanzou onte en dous proxectos «moi importantes», según o propio goberno, que se achegan á súa última fase de tramitación e que está previsto que se materialicen nos próximos meses. Trátase da ampliación do viario de acceso ao cemiterio de Serantes e da urbanización da rúa Basanta, “unha reivindicación que vén de anos atrás e que por fin imos conseguir adxudicar e executar”. No primeiro caso, a Mesa xa realizou unha proposta de adxudicación, a falta de que a empresa presente a documentación pertinente. No segundo, xa lle deu o visto e prace á adxudicación para que sexa aprobada pola Xunta de Goberno Local.

O proxecto de Serantes prevé obras entre a rotonda da DP-3612 e o acceso á igrexa, un espazo que o proxecto divide en dous tramos: o comprendido entre a glorieta e o inicio do camiño de acceso ao lugar de Aneiros e o que resta ata pasar o camposanto. Actualmente o ancho da calzada vai dos 5,5 metros no primeiro tramo ata os 3,30 no acceso á igrexa, e carece de beirarrúas e zonas habilitadas para o aparcamento de vehículos.

O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2. Instalarase nova tubaxe de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP-3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e tamén a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns. A actuación conta cun orzamento de 227.433 euros.

Rúa Basanta

En canto á urbanización da rúa Basanta, trátase dunha actuación que ten como obxectivo ampliar unha vía que nalgúns puntos non ten máis de catro metros de ancho e que pasará a ter unha plataforma de 14, incluíndo dous carrís de 2,80, dúas bandas de aparcamento de 2,20 e sendas beirarrúas de 2 metros.

O tramo ao que afecta supera o medio quilómetro de lonxitude, e o orzamento base de licitación era de 525.908 euros. O prazo de execución é de seis meses, que comezarán a contar a partir da firma da correspondente acta de comprobación de replanteo. A garantía dos traballos será dun ano tras a recepción da obra.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.