O concelleiro de Mercados de Ferrol, Germán Costoya, mantivo esta mañá unha xuntanza cos representantes dos vendedores ambulantes para pór en común as medidas de seguridade que se deberán aplicar de cara á volta deste colectivo á súa actividade tanto na feira de Ferrol coma nos mercadillos de Recimil, Caranza e o Inferniño.
A primeira volverase celebrar o 19 de xullo, terceiro domingo de mes, mentres que en Recimil os postos xa se instalarán o próximo luns, día 6, para continuar coa periodicidade habitual de dous días á semana (tamén se celebran os mércores). Segundo explicou o edil, se a situación evoluciona con normalidade e como está previsto, os mercadillos de Caranza e o Inferniño retomaranse xa en agosto, os sábados 1 e 8, respectivamente.
Durante a reunión fíxose especial fincapé no cumprimento das medidas sanitarias decretadas para a nova normalidade, tanto no que atinxe á hixiene nos propios postos de venda coma no que se refire ao mantemento de distancias de seguridade que recolla a normativa en vigor no momento de celebrarse o mercadillo ou feira. Costoya agradeceulles aos voceiros dos vendedores a vontade de colaboración que lle trasladaron e insistiu na necesidade de que se cumpran todas as normas para garantir a seguridade do persoal dos postos e dos clientes.