O concellería de Cultura de Ferrol presentou esta mañá o programa das festas de verán, que inclúe 27 actividades concentradas nos últimos 11 días de agosto. Se o pasado ano houbo 16 espectáculos, nesta ocasión
apostouse por aumentar o seu número á vez que se reducía o seu formato, para ofrecer actividades que supoñan unha menor concentración de público. Ademáis, tal e como explicaron desde o goberno local, os eventos repartiranse polos diferentes barrios, en vez de concentralos todos no centro de Ferrol.
Nun primeiro momento a programación era máis ampla, pero dada a evolución da Covid-19 nas últimas semanas, apostouse por reducila. O concelleiro indicou tamén que este programa non está pechado e que dependerá da situación sanitaria que se poida incrementar o número de espectáculos ou haxa que reducilo ou, incluso, mesmo cancelar as festas. A programación que presentou esta mañá Golpe inclúe concertos, animación
musical de rúa, cine, monicreques, clown e teatro infantil e maxia, entre outros shows.
Unha programación para tódolos gustos
O venres 21 Uxía e María Manuela, dúas das grandes damas da canción galega, ofrecerán o concerto inaugural das festas na praza de Armas. En paralelo, no Mercado Municipal de Caranza, actuarán Son de Camagüey, unha formación de nove virtuosos da música latina que interpretarán grandes clásicos daquel repertorio. O sábado 22 comezará a mediodía con animación musical de rúa a cargo da batukada Discalz@s de Cedeira, e proseguirá pola tarde coa actuación do Mago Paco, no Parque Raíña Sofía. Pola noite, de novo dous concertos simultáneos. Por unha parte, na praza de Armas estarán Red House, unha das principais bandas de blues da Península, capitaneada por Francisco Simón. Entrementres, en Caranza, concerto do grupo ferrolán de folk Lenda Ártabra.
O domingo 23 haberá música matutina polas rúas da cidade a cargo da Fanfarria Taquikardia, e xa pola tarde os nenos poderán gozar dos monicreques de Teatro Arbolé, que interpretarán a peza Títeres de Cachiporra. Este espectáculo forma parte do festival Entes Animados, que coordina Plamen Dipchikov. E á noite, na praza de Armas, concerto de Najla Shami, coa súa particular fusión de música árabe e galega, con trazas de jazz.
O luns 24 estará dedicado ás rondallas de Ferrol, se ben de tarde haberá un espectáculo de clown da man dos ferrolterráns Picompé. Por outra banda, o Parque Raíña Sofía acollerá cinema infantil e familiar o martes 25, mércores 26 e xoves 27 coa proxección das películas Mía y el león blanco, Mi vecino Totoro e As vacacións do señor Hulot, unha exquisita selección a cargo dos cines Dúplex. A noite dese mesmo martes 25 tamén terá sabor local, cun concerto do dúo de acordeonistas de Canido Caamaño–Ameixeiras, acompañadas do profesor Joaquín Enríquez e da eurovisiva Laura Pérez.
Na noite do mércores 26 haberá unha velada dedicada ás variedades, coa presenza da cabareteira Bea García, as versións de clásicos do rock de Hilda Rock e Álvaro Lamas, e o humor de Auténticos Farsantes. Para a do xoves 27 está programado un dos pratos fortes das festas, coa visita de Sara Correia, un dos meirandes talentos do fado contemporáneo. O venres 28 será a quenda do power pop yeyé de Familia Caamagno, e horas, do espectáculo de clown Crunch, da compañía Muu.
O último sábado, día 29, a Banda de Gaitas do Toxos de Froles ofrecerá a mediodía un pasarrúas, e pola tarde soará o último espectáculo infantil de Mamá Cabra, que leva por título A fraga do meu avó e que suporá a súa estrea en Ferrolterra.
O domingo 30 haberá pola mañá de novo animación musical de rúa, e pola tarde a obra de monicreques Cristóbal Purchinela, da compañía castelá–leonesa Alauda Teatro. Finalmente, para o remate das festas, o luns 31 contarase cunha representación da peza OhOlimpiada!, da compañía Sincronacidas. Esta obra foi galardoada co Premio ao Mellor Espectáculo de Rúa FETÉN 2019. E pola noite, concerto de folk a cargo dunha das formacións estelares do país e ben coñecida do público ferrolán: Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.
O orzamento destas festas é de aproximadamente 170.000 euros, tendo en conta que o gasto en medidas de seguridade é, proporcionalmente, moi elevado. Finalmente dende o Concello informaron de que pode haber algunha participación a maiores, e xa houbo contactos con Andrés Suárez e Pasión Vega onde o músico ferrolán mostrou a súa total disposición a actuar na cidade. De todos modos, segue no aire e dende a administración local confirman que é dificil que remate finalmente na programación actual.
Discussion about this post