O Padroado da Cultura de Narón porá mañá á venda as entradas para o concerto de Los Secretos. A cita será o vindeiro 9 de outubro ás 20.30 horas no Pazo da Cultura, e as persoas que queiran facerse con algunha das entradas poderán facelo dende mañá venres 23 de xullo no despacho de billetes do propio Pazo, ou na web do Padroado da Cultura de Narón –www.padroadodecultura.es-.
O prezo en venda anticipada é de 22 euros para o público xeral e 15,40 euros para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos), se ben o propio día da actuación o prezo será de 25 e 17,50 euros eespectivamente.
O mítico grupo de música pop rock español traerá ao Pazo un concerto de algo máis dunha hora de duración, rememorando os seus grandes éxitos dos 80 e 90 e ampliando o seu repertorio, forxado durante unha traxectoria musical de máis de catro décadas. A formación lanzou o seu último disco a finais do ano pasado, despois de oito anos sen presentar un novo traballo.
Moita cultura musical da man do Pazo da Cultura
A primeira das citas programadas no Pazo da Cultura trala crise da Covid-19 terá lugar o 18 de setembro, co concerto de Sés, ás 20.30 horas. Nesta ocasión, serán dúas horas de música nas que o público poderá escoitar os temas do seu último traballo discográfico, “Liberar as arterias”, no que continúa evolucionando no seu particular estilo e a súa alma cantareira.
Guadi Galego, Funamviolistas, Carla Green&The Demos, Mad Martin Trío, Stars of Gospel Choir, con Bridget Bazile e Vincent Balse e Siboney completarán a programación musical que terá lugar no Pazo durante o último cuadrimestre do ano e para a que tamén están xa á venda as entradas.
Na páxina web do Padroado da Cultura pódense consultar, a maiores dos espectáculos musicais, os de teatro, danza, monólogos e a programación específica para público infantil que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro no Pazo da Cultura, con entradas tamén á venda.
Discussion about this post