Un total de 1.141 autónomos e pequenas empresas de Ferrol terán dereito a cobrar as subvencións correspondentes ao Plan de Mellora da Empregabilidade (PAME). Así o recolle o informe da comisión de avaliación celebrada esta mañá do venres 24 de xullo.
O documento detalla que das 1.381 solicitudes presentadas, 364 estaban completas de inicio, 777 foron emendadas no prazo de subsanación, 14 están aínda condicionadas, 225 foron denegadas e nun só caso o interesado desistiu. Entre as causas onde as peticións son denegadas figuran as débedas pendentes coa Administración, superar a porcentaxe de redución de facturación, non estar dado de alta no réxime da Seguridade Social ou na Mutua Profesional e en Facenda ou non presentar a documentación na fase de emenda.
Con estes datos, o importe comprometido para estas subvencións é de 1.707.630 euros dos dous millóns consignados, co que quedará un importe libre estimado de 292.370 euros. A intención do Concello é aproveitar estes fondos para abrir unha segunda convocatoria do PAME-Ferrol e así se poidan presentar quen non cumprían algún dos requisitos e teñan a posibilidade de solucionar esa situación. Tamén as persoas que non aportaron a documentación na fase de emenda ou que non solicitaron as axudas por calquera outra razón.
Discussion about this post