O alcalde, Ángel Mato, e os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, de Seguridade, Germán Costoya, e de Promoción Económica en funcións, Eva Martínez Montero, reuníronse esta mañá con representantes dos hostaleiros da cidade para tratar as medidas de seguridade e prevención da Covid-19 nos establecementos e zonas de ocio.
Mato explicoulles que o Concello vai facer un esforzo para tratar de sensibilizar á poboación e que non se produzan certas situacións de relaxación, máis ben de carácter individual, xa que a maioría das persoas veñen cumprindo todas as normas con responsabilidade. Durante a xuntanza explicou que a Policía Local vai intensificar a vixilancia na rúa para atallar esa sensación de que todo isto xa pasou.
Na súa comparecencia posterior, o rexedor mostrou a súa preocupación por este feito e insistiu en que hai que ser moi conscientes de que todo “o traballo e o esforzo que fagamos agora” beneficiará a toda a cidadanía e tamén aos negocios que “están recibindo o osíxeno que non recibiron durante o resto do ano”. Tomar medidas neste momento, insistiu, pode evitar que a situación empeore e teñan que volver interromper a actividade.
Por outra banda, anunciou que determinados servizos municipais, coma os de limpeza ou os bombeiros, van retomar tarefas coma as de desinfección que desenvolveron durante o estado de alarma.
Discussion about this post