O Concello de Narón programa unha nova actividade a través do Servizo de Normalización Lingüística e enmarcada no programa Apego, de socialización de nenas e nenos en galego. A convocatoria é de balde e terá lugar o vindeiro mércores 8 de xullo nas instalacións do Café Teatro do Pazo da Cultura, onde apartir das 19.30 horas se poderá ver o espectáculo “Ñam!”
A actuación está artellada a partir do mundo da cociña, para que o público poida ver, escoitar, ulir, sentir e saborear en familia. Dita proposta diríxese a nenas e nenos de 1 a 6 anos e ás súas familias, podendo asistir un máximo de 25 menores acompañados, como mínimo, dunha persoa adulta.
Para poder asistir é preciso inscribirse previamente escribindo un correo electrónico á dirección: [email protected], no que se facilitará o nome da actividade, o nome e idade do neno ou nena, o nome da nai, o pai ou a persoa que acompañará ao menor, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
Debido á actual situación derivada da Covid-19 é obrigatorio o uso de máscara en todo o local para as persoas adultas e para os menores a partir de seis anos.
Discussion about this post