A empresa mixta de augas de Narón, Cosma, executará a ampliación da rede de abastecemento na zona de Ferrerías-Prados, tal e como se informou esta mañá na reunión do consello de administración da entidade. Os traballos executaranse na estrada provincial DP-5404 de xeito simultáneo aos das obras de saneamento –que se iniciarán próximamente- no mesmo tramo do citado vial, «o que suporá un importante aforro ás arcas locais e facilitará a posta en servizo do abastecemento nesa zona do termo municipal”, explicou a alcaldesa Marián Ferreiro.
As obras iniciaranse nas vindeiras semanas nos lugares de Ferrerías e Prados, nun tramo que nestes momentos carece de servizo de abastecemento. “Unha vez executada esta intervención, poderase dar servizo a preto de sesenta vivendas localizadas nesa zona do concello”, avanzou Ferreiro. O prazo de execución destes traballos é de catro meses.
No plan de investimentos de Cosma para as anualidades comprendidas entre 2018 e 2023 hai contempladas actuacións valoradas en 2,6 millóns de euros, o cal permitirá ampliar a rede de saneamento na zona rural, reforzala en determinados tramos da zona urbana e tamén renovar as redes en estradas como a do Feal.