O Concello de Narón destinará 97.307 do POS+ Adicional 2020 a reforzar a dotación de partidas destinadas a cubrir necesidades básicas da cidadanía, asistencia técnica a colectivos vulnerables e á adquisición de medios de prevención. Con cargo a este mesmo plan, 337.463 euros reserváronse para un proxecto de ampliación da rede de saneamento na parroquia do Couto e outro para ampliar o local social de San Mateo, así como 27.439 euros a gastos correntes. En conxunto, trátase dun investimento de algo máis de 462.000.
No gasto social, a contía destinarase maioritariamente a axudas para cubrir as necesidades básicas das familias en situación económica-social desfavorable. En concreto, reservaranse 90.000 euros para ese fin “co obxectivo de reforzar a axuda ás persoas que máis o precisan, para que se poida asegurar a cobertura das súas necesidades básicas, sexan de urxencia ou de inserción e derivados da Covid-19”, explicaron desde o goberno local. Do resto desa partida global, 4.307 euros serán para adquisición de medios de prevención e os restantes 3.000 para asistencia técnica a colectivos vulnerables con motivo desta crise sanitaria.
Respecto da ampliación do local social de San Mateo, trátase dunha obra que permitirá ampliar nuns aproximadamente 200 metros cadrados a actual superficie da construción, localizada no camiño da Xilfeira. O local terá un novo acceso, a maiores do actual, e tamén se mellorará a súa iluminación e se incrementarán as medidas contraincendiosñ. Ademais, habilitarase unha sala multiusos que permitirá tamén ampliar a oferta das múltiples actividades que xa desenvolve a entidade ao longo do ano.
Na parroquia do Couto procederase a executar un investimento de 249.146 euros, unha contía que permitirá desenvolver unha actuación proxectada no entorno da FE-11, nas inmediacións do mosteiro e da urbanización do Couto. Os traballos consistirán na execución de varios tramos de colector de saneamento para recoller verquidos das vivendas ubicadas nesas zonas mediante un sistema de bombeo, cunha previsión de dar servizo inicialmente a 21 vivendas pero que podería ampliarse ata un máximo de 35.
Discussion about this post