O concello de Narón traballou durante a pasada semana nun proxecto para xeolocalizar cada unha das comunicacións recibidas no Concello para realizar fogueiras nesta noite de San Xoán. A finalidade deste labor, pioneiro, é ter perfectamente localizadas cada unha das fogueiras que arderán esta noite na cidade, o que facilitará considerablemente o traballo dos servizos de emerxencia no caso de que se requira a súa presencia por algún incidente.
Os datos están rexistrados a través da tecnoloxía Arcgis, coa que o Concello, en colaboración coa empresa Abtemas, realizou un traballo similar durante o estado de alarma para entregar cubrebocas entre a veciñanza da cidade. “Trátase dunha plataforma moi útil para diferentes departamentos municipais e coa que levamos varios meses traballando”, recordou a alcaldesa Marián Ferreiro, que incidiu en que “os datos están totalmente protexidos conforme o require a lexislación vixente e non son públicos”.
No caso das comunicacións das fogueiras, persoal do Speis pode acceder entrando na plataforma á ubicación exacta, coa referencia catastral e unha persoa e teléfono de contacto de cada unha das fogueiras, tal e como se comunicou ao Concello. Ante calquera posible incidencia os bombeiros de Narón localizarán en cuestión de segundos no mapa a fogueira e os datos do seu responsable, unha tarefa que resulta imprescindible para minimizar riscos ao acortar tempos e que na zona rural, cunha maior dispersión e donde se rexistran a maior parte das comunicacións, facilita moito o desprazamento dos profesionais do servizo.
Discussion about this post