O grupo municipal do BNG de Narón demandou hoxe ao goberno local que mellore o plan de mobilidade que puxo en marcha a pasada semana, xa que, consideran os nacionalistas, “estanse a vivir situacións preocupantes”.
O carril habilitado na estrada da Trinchera “está a resultar perigoso para os viandantes”, din desde o Bloque, que creen que debería de habilitarse unha dirección enteira e facer o mesmo coa estrada de Castela. Tamén critican que se “expulsara a cidadanía” ao polígono de Río do Pozo e din que “esa non debe ser a solución”. Ademais, propoñen habilitar máis zonas peonís en barrios como Freixeiro, Piñeiros ou A Solaina e crear “unha senda segura ao longo de todo o concello” como fixeron noutros municipios.
O BNG pide que se aumente a cesión de espazos de terrazas para os locais de hostelería de Narón e que se inicie unha campaña de promoción e apoio ao comercio local e se impulsen as feiras ao aire libre como impulso para os comerciantes.