O Concello de Narón habilitou unha partida de 48.278 euros para proceder á demolición de dúas edificacións ruinosas localizadas en Xuvia. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, explicou que trala realización dos trámites oportunos, que levaron á incoación do expediente de declaración de ruina dos inmobles localizados nos números 899 e 901 da estrada de Castela –no cruce de confluencia coa estrada de San Xiao- o goberno local culminará un proceso que permitirá solventar definitivamente unha problemática localizada na zona.
A titularidade das dúas casas osténtaa un grupo inmobiliario que se atopa actualmente no procedemento de execución de títulos xudiciais e para o que resultaron infructuosas as notificacións realizadas, tal e como se indicou dende o Concello. Por este motivo, explicou Ferreiro “ao declararse en situación de ruina debido ás condicións que presentan as edificacións e ordenarse a súa demolición, o Concello procederá á execución subsidiaria, atendendo á normativa establecida para este tipo de casos, que contempla a esixencia dos gastos, unha vez realizados os traballos, ao titular dos inmobles”.
No expediente realizado dende o Concello constátase que debido ao mal estado de conservación dos dous inmobles e á posibilidade de que isto afecte a edificacións colindantes e á propia vía pública, “é preciso actuar de inmediato para evitar que o proceso se demore no tempo, que as vivendas sigan deteriorándose e poida haber maior risco de derrumbe”.
Discussion about this post