Esta é a primeira edición de dúas noites de música en directo que acollerá o Concello de Narón pola magnolia centenaria de Xuvia, sen dúbida un dos máis importantes emblemas naturais do municipio, unha árbore protexida no ordenamento municipal que, segundo algunhas fontes, pode ser a máis antiga de Galicia. Dende a concellería de Festas e Turismo suliñaron que esta nova proposta de lecer ten por obxectivo consolidarse como unha proposta atractiva de ocio de verán nun entorno urbano singular.
O evento desenvolverase en dúas xornadas. O venres 7 de agosto ás 22.00 horas terá lugar a actuación do grupo “Eladio y los seres queridos”. Cancións con melodías e retrousos de perfecta factura e letras de Eladio Santos que escribe actualizando con brillantez canons clásicos desde a naturalidade e a frescura. Temas que van desde o pop máis clásico a sons máis indies e rock pasando polo folk ata a canción de autor. Gañadores do Premio Martín Códax dá Música Galega a Mellor Grupo Indie/Pop en 2013 e 2018 e Premio MIN da Música Independente 2017 a Mellor álbum en galego por Cantares (2016).
O sábado 8 de agosto actuará “Faltriqueira”, un proxecto vocal con máis de 20 anos pisando os principais escenarios da world music, que renace a unha nove realidade e presenta novo repertorio. Novas melodías, novos ritmos e novas fronteiras que atravesar. O grupo ofreceu concertos tanto na Península Ibérica como en lugares tan exóticos como nas illas Bermudas ou Namibia, e gañaron tamén o recoñecemento do público en festivais como o Etnofestival de San Marino, Rock in Río en Lisboa, o Fórum das Culturas en Barcelona e o Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Participaron así mesmo na XV Edición do Festival Perc Pan de Brasil, con actuacións nos máis importantes teatros de Río de Janeiro e Salvador de Bahía, acadando unha grande acollida.
As entradas estarán dispoñibles a partir das 10.00 horas do luns 3 de agosto na plataforma dixital Ataquilla.com ate completar o aforo. O público que dispoña de entrada deberá estar no día e hora do evento 20 minutos antes do inicio. Así mesmo, o público asistente deberá seguir en todo momento as normas de seguridade fixadas pola organización, tanto da cartelería informativa como as indicacións do persoal.
Discussion about this post