“O Traxe novo do Rei” da compañía Tarabelos abrirá o vindeiro xoves 1 de outubro ás 18.00 horas o ciclo Ler Conta Moito, organizado pola biblioteca municipal de Fene no marco do programa para a dinamización da lectura que promove a Xunta entre as bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
O ciclo incluirá, ademais desta primeira sesión, as actuacións de Elefante Elegante -“O lobo bobo”- o xoves 8 de outubro e de Ghazafellos -“A máquina do tempo”- o 15 de outubro.
Todas as actuacións desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura de Fene con aforo reducido a 20 persoas, 10 nenos e 10 adultos -1 adulto por neno-, e para asistir será preciso reservar entrada chamando por teléfono á biblioteca de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas, ou os sábados, de 10.00 a 13.00 horas . Os teléfonos de contacto son o 981342302 e o 607625346.
“O Traxe novo do Rei”
Xa se poden reservar entradas para o primeiro espectáculo que correrá a cargo do grupo Tarabelos e que vai dirixido a nenos/as a partir de 3 anos. En O traxe novo do rei “un traxe novo e máxico prometía ser un capricho inigualable, unha ferramenta perfecta para saber o nivel de intelixencia de calquera habitante da corte. Dalgún xeito funcionará, pero non como él esperaba”, definía o seu creador.
Unha cultura segura
Tanto este primeiro espectáculo coma os restantes que forman o ciclo “Ler conta moito” de Fene desenvolveranse baixo a premisa dunha cultura segura, con reserva de entradas, aforos limitados e estrito cumprimento das medidas de seguridade. Neste senso, dende a organización recoméndan aos/ás asistentes acceder aos espectáculos con media hora de antelación á hora fixada para o seu comezo xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos mesmos.
A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Ademais, infórmase de que, ao efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso ao recinto.
En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans e que o uso da máscara será obrigatorio en todos os espectáculos. Ademais, non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización.
Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.
Discussion about this post