A pesar de que as previsións meteorolóxicas parecen adversas non haberá nada capaz de frear a música Jazz na Ría de Ferrol. Mañá sabado 14 de agosto será o turno de Ejazz e o jazz bailable de Por mi Swing, os cales trasladarán o ritmo musical ao Teatro Jofre, onde xa está previsto un protocolo de seguridade para garantir todas as medidas sanitarias para cumprir coa normativa vixente no contexto da COVID-19.
Os concertos serán abertos, gratuítos e seguros. Para garantir mellor o control de accesos e a seguridade das persoas asistentes será preciso reservar entrada a través da plataforma reservas.gal https://facebook.us18.list-manage.com/track/click?u=c8225f1872a106950a31d85d3&id=c63f22cf28&e=70022727dc , e seguir os protocolos marcados pola organización acudindo con media hora de antelación para garantir a reserva, usando a máscara, desinfectando as mans na entrada, respectando a orde de acceso e a distancia de 1,5m entre persoas non convivintes, e seguindo as indicacións do persoal de produción.
Sábado 14 de agosto
A noite de mañá sábado abrirase coa enerxía das Ejazz, dúas veces galardoadas co Premio Martin Códax da Música na categoría de grupos vocais e coros, no 2017 e no 2019. Coa voz como único instrumento, Ejazz levan percorrendo os principais clubes de jazz, salas de concertos e festivais galegos dende o 2012. Á fronte da formación atopamos a Carmen Rey como arranxista e directora musical; completando o cuarteto, Ángeles Dorrio, Marga Ramos e Betty Queiro. Versións de jazz, soul, bossa nova ou funk harmonizadas a capella para estas catro impresionantes voces.
E a continuación, jazz para bailar coa proposta de Por mí Swing, unha banda especializada na música swing dos anos 30, 40 e 50, que engloba diferentes estilos, cada un co seu baile asociado, todos eles populares na primeira metade do s.XX. Falamos de lindy hop, claquette, balboa, charleston, collegiate shag…, estilos que rexurden nos anos 80 e que cada vez teñen máis adeptos. Esta banda, formada por dúas voces femininas, unha voz masculina, contrabaixo, saxo, piano, batería e guitarra, buscan co seu espectáculo que o público abandone o papel contemplativo do espectador e participe a través do baile, que é o combustible que realmente alimenta aos músicos en escena
Domingo 15 de agosto
O domingo o festival pechará a súa cuarta edición con Xan campos trío, unha das bandas máis estables á vangarda do novo jazz, que foi finalista nos Premios Martin Códax da Música 2020 a mellor proxecto de jazz e músicas improvisadas. Xan campos trío é o proxecto máis persoal de Xan Campos, unha proposta de jazz contemporáneo difícil de etiquetar e en continua ebulición, unha viaxe que comparte con Horacio García no contrabaixo e Borja Barrueta na batería, con quen presentará temas do seu terceiro traballo, Realismo, continuidade de Orixe Cero e Ectropía, recoñecidos pola súa orixinalidade e por conseguir sentar as bases dun estilo propio máis alá deste xénero musical.
Discussion about this post