Como todos os anos coincidindo co inicio do curso escolar, a Fundación Exponav púxose en contacto cos equipos directivos dos centros educativos para informalos do programa de visitas ao Museo da Construción Naval especialmente dirixidas a colexios e institutos. Para facer reservas, os centros educativos deberán enviar un correo electrónico a [email protected].
Trátase dunha iniciativa gratuíta na que, dadas as actuais circunstancias derivadas da Covid-19, prima a seguridade. Por este motivo faise especial fincapé en que se tomarán medidas de limitación de aforo -tanto para os percorridos polo museo como para os talleres-, o uso dunha alfombra desinfectante para o calzado, a toma de temperatura, a obrigatoriedade de máscara e do mantemento da distancia de seguridade entre persoa.
Ademais, dentro da mostra realizarase un percorrido único para minimizar o contacto entre visitante, facendo uso de material desechable ou desinfectable nos talleres e adaptación destes ás medidas de hixiene e prevención establecidas polas autoridades sanitarias.
Posibilidades dentro do museo
Exponav remite tamén aos centros un tríptico informativo no que pormenoriza as actividades organizadas para o alumnado. Ademais do percorrido principal polo museo existe a posibilidade de realizar dúas de carácter temático: un pola exposición dedicada aos cen anos de historia dos estaleiros ferroláns, e outro pola mostra permanente dedicada aos faros e sinais marítimas.
O alumnado tamén poderá participar en talleres moi orixinais e diferentes en función das idades. A oferta inclúe: a procura do tesouro pirata, a realización de nós mariñeiros, experimentos sobre a flotabilidade de diferentes materiais, o linguaxe de bandeiras e incluso ata un escape room.
Continuación das visitas guiadas
Por outra banda, a Fundación Exponav continúa desenvolvendo o programa de visitas guiadas gratuítas que tanto éxito tivo este verán e que continuou durante todos os sábados do mes de setembro. Coa chegada do outono, en outubro fixáronse dúas datas para estas visitas, en concreto os días 10 e 17 ás 11.00 horas. Dada a actual situación sanitaria será necesario reservar cita a través do correo [email protected] ou de en o número de teléfono 981 359 682.
Discussion about this post