As praias de Valdoviño contan dende esta semana co servizo de socorrismo. Un servizo no que o Concello destina unha partida que alcanza os 120.000 euros. Son 22 os profesionais que velarán pola seguridade nos principais areais do municipio en canto a afluencia de bañistas: A Frouxeira, Pantín, O Río, Baleo e Vilarrube. Permanecerán a pé de praia de 12.30 a 19.30 horas e haberá dúas persoas encargadas de organizar o servizo.
Así mesmo, efectivos da Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil veñen de incorporarse a un dispositivo especial de información e control das distancias de seguridade e normas de uso das praias fronte a Covid-19. Así, dende o 2 de xullo e nas vindeiras semanas, encargaranse de velar polo seu cumprimento ofrecendo información aos usuarios sobre as normas establecidas.
Por outra banda, o alcalde quixo agradecer publicamente en nome do Concello a cesión realizada pola delegación da Cruz Vermella en Ferrol dos carreteles de rescate que, este ano, se incorporan ás praias de Valdoviño. Uns recursos moi valiosos cos que conta a entidade e que permitirán mellorar a resposta por parte dos socorristas en caso de rescate.
Discussion about this post