O Padroado da Cultura dispón dalgunhas prazas vacantes nos “Campamentos culturais de verán” organizados para este mes de xullo e o de agosto e que darán comezo o vindeiro luns 6 de xullo. A convocatoria oferta varias quendas e diríxese a menores de entre 3 e 12 anos que se dividen en tres grupos: de 3 a 5 anos, de 6 a 9 e de 10 a 12.
Para as nenas e nenos de 3 a 5 anos cubríronse todas as prazas dispoñibles para o mes de xullo excepto unha na semana do 20 ao 24, mentres que no resto de franxas de idade quedan vacantes aínda en xullo e en todas para o mes de agosto. Para a celebración de cada unha das quendas é preciso reunir a un mínimo de asistentes, tal e como se indicou dende o Padroado da Cultura, en cuxas oficinas se poden tramitar as inscricións –o prezo da taxa é de 11,20 euros por quenda- de luns a venres, en horario de 09.30 a 13.30 horas, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Narón.
Os campamentos desenvolveranse de luns a venres entre as 08.00 e as 14.00 horas no Pazo da Cultura, donde os asistentes realizarán, acompañados polos seus respectivos monitores, unha gran variedade de actividades. Moitas delas terán lugar no interior das instalacións do Pazo, se ben se programaron outras no exterior, como saídas ata o paseo da Gándara, polas inmediacións do río Xuvia, ao mosteiro do Couto, etc. Ditas saídas se realizarán no caso de que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Tamén se sucederán algunhas festas temáticas, impartiranse clases de diferentes modalidades de baile e haberá sesións de xogos tradicionais, expresión corporal e psicomotrices, obradoiros de manualidades, sesións de relaxacióne proxectaranse algunhas películas.
As quendas programadas para esta iniciativa, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, comezarán o 6 de xullo, ata o día 10 e a última terá lugar do 24 ao 28 de agosto.
Discussion about this post