O pasado luns 29 de xuño tres surfistas chegados de Asturias leváronse unha nefasta sorpresa ao voltar ao aparcadoiro da praia de Doniños e non atopar a súa furgoneta onde a deixaran.
O roubo tivo lugar a primeira hora da tarde cando, despois de surfear no areal de Doniños e achegarse ao seu vehículo, os 3 visitantes asturianos tiveron que chamar a Policía Nacional tras a desaparición da súa furgoneta, unha VolksWagen Transporter negra.
O ladroízo produciuse debido a que un dos asaltados deixou as chaves do vehículo nunha caixa forte fixada ao chasis do mesmo, unha práctica habitual de surfistas xa que poden perderse ao entrar ao mar. Finalmente a última hora da tarde os axentes puideron atopar a furgoneta desaparecida, con todas as pertenzas intactas.
Roubo dun bolso en Esmelle
Nese mesmo día tamén tivo lugar outro roubo, aínda que este con menos fortuna para as vítimas. Neste caso produciuse na praia de Esmelle, onde unha parella chamou a Policía Nacional tras percatarse de que o seu coche situado no aparcadoiro da mesma praia fora aberto.
Dentro deixaran un bolso que, cando chegaron, estaba aberto e faltaban unha carteira e varias chaves. A Policía Nacional segue coa investigación aberta en busca de novas pistas.