O programa municipal “Verde que te quero verde” chegará este domingo 12 de xullo ao Alto do Castiñeiro, concretamente á zona verde da rúa 25 de Xullo. Nesta ocasión, a cantante Nastasia Zürcher e o tamén músico Xoán Curiel serán os protagonistas das dúas actuacións que se poderán ver a partir das 12.30 horas e dirixidos a público infantil e familiar.
Nastasia Zürcher ofrecerá ao público un completo repertorio con temas nos que fusiona o neo soul, pop vogal de autor, World music e nu jazz, todos interpretados dende a súa propia persoalidade vogal. Os pegadizos estribillos dos seus temas e as intensas letras das cancións deixarán constancia neste concerto da súa faceta máis francófona e galega. Pola súa banda o músico Xoán Curiel, un dos valores do panorama musical infantil de Galicia, interpretará temas de diferentes estilos, como o funk, o rock ou a bossa nova, sintonizando coa onda do Xabarín.
O programa “Verde que te quero verde” continuará o 19 de xullo na rúa Francisco Pizarro, na Solaina, coas cancións infantís de Pakolas e a música de tradicional galega de Oîma. Finalmente, o 26 de xullo poderanse ver na rúa Mariña Española, as actuacións de Antonio Lizana Trío e Fantasía coas palabras, que pecharán esta nova edición do programa na cidade.
Discussion about this post