O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, será un dos representantes da Xunta de Galicia na Mesa da Transición Ecolóxica que se celebrará nas Pontes o próximo 10 de marzo e na que estarán presentes tamén representantes do Concello e unha delegación do Goberno Central. O titular da Xunta, explicou onte que a intención do executivo galego é reclamarlle ao Ministerio de Transición Ecolóxica que “adopte as medidas que permitan que se reactive” a planta térmica de Endesa e, ao mesmo tempo, pedirlle á compañía que “adquira o compromiso para que se poida reactivar”.
O conselleiro sinalou tamén que esta reapertura “non é viable” se non se aplican mecanismos fiscais como a eliminanación do céntimo verde, unha primeira medida que considera “imprescindible”. Conde tamén explicou que reclamarán ao Goberno de Pedro Sánchez a esixencia de conseguir máis fondos da Unión Europea para a transición enerxética. Non en van, España recibiu para transición enerxética 300 millóns de euros, fronte aos case 900 millóns de Alemaña e aos 2.000 millóns de Polonia.
A Xunta acordou coa deputación na última reunión de traballado mantida en As Pontes a creación dunha Oficina de Reindustrialización para apoiar e coordinar proxectos empresariais que xurdan para garantir o futuro industrial da comarca, ademais de garantir o apoio daquelas iniciativas relacionadas coa ampliación do chan industrial no concello.
Discussion about this post