O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Infraestruturas e Accesibilidade, aprobou a creación de sete novas prazas de aparcadoiro adaptadas a persoas con discapacidade na zona urbana. Catro destas novas prazas sitúanse na Avenida do Areal, principal vía de comunicación do Concello, outra na Travesía Campo do Oito -ao carón da parada de taxis-, outra na Rúa Santa Marta e unha última na Rúa Pinemar. Ademais, aproveitouse para restaurar a existente nas inmediacións da Oficina de Información Turística, no Parque do Areal.
A edil responsable da área de Infraestruturas e Accesibilidade, Concepción Rodríguez, quixo amosar a súa satisfacción tras cumprir cunha petición que a veciñanza demandaba dende hai tempo debido aos constantes problemas de mobilidade e difícil acceso que a zona urbana provoca.
Os traballos iniciáronse esta semana co pintado das prazas e instalación da sinalización vertical, e se completarán ao longo dos próximos días coa construción de ramplas de acceso ás mesmas desde a beirarrúa nos puntos nos que é necesario.