No día de hoxe e ao longo da noite pasada, a situación das augas para consumo humano que se tratan na pranta potabilizadora de Cabría, en Pontedeume continúa evolucionando positivamente. O Concello aplicou este sábado un tratamento químico como medida de emerxencia que xunto cun control de 24 horas ao día por parte de persoal técnico especializado, está a combatir «con éxito a turbidez da auga, reducindo considerablemente os niveis detectados na mañá do sábado e polos que nos vimos na obriga de prohibir o seu consumo», explicaron desde o goberno local.
Por seguridade, precaución e a fin de disipar calquera dúbida ao respecto da evolución sanitaria, antes de autorizar de novo o consumo da auga da traída municipal, o Concello está a tomar mostras en diferentes puntos do abastecemento, tanto da pranta como da Vila, co fin de realizar unha analítica completa dos 93 parámetros que regula o Real Decreto 140/2003 polo que se establecen os criterios sanitarios para a auga de consumo humano, coa intención de garantir ao 100% a súa calidade e salubridade.
Co obxectivo de garantir que as persoas con problemas económicos ou de mobilidade (persoas en risco de exclusión social, maiores que vivan sós, dependentes) conten con auga potable nas súas vivendas, mañá martes 13 de outubro a partires das 15 horas poñeremos en marcha un servizo de subministro de auga embotellada a domicilio a través da Asociación de Voluntarios de Protección Civil. Os interesados deberán contactar co número 647 774796 para realizar a súa solicitude e facilitar ao persoal a dirección para a entrega.
