O Concello de Ames presentou este mércores a III Festa do Apego, que se celebrará durante todo o vindeiro 18 de xuño no Pazo da Peregrina de Bertamiráns con contos, música, xogos “e moitos máis recursos para gozar coa e desde a lingua”.
“É unha xornada para a convivencia, para os contos, para os cantos e estamos seguras de que será un éxito”, detallou a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, quen precisou que, agora que remata o curso escolar, “queremos festexar cos pequenos e as pequenas do Concello porque o pasan xenial, para eles é un día de troula na que disfrutan das diversas actividades e fano en galego”.
O prazo de inscrición para as actividades estará aberto dende o 9 ata o 16 de xuño. As reservas poden realizarse a través do correo electrónico [email protected] indicando as actividades ás que se quere asistir, o nome e apelidos das persoas solicitantes, a idade dos rapaces e un teléfono de contacto.
A técnica do Servizo de Normalización do Concello de Ames Rosa Moreiras tamén aproveitou a presentación da festa para poñer en valor o obxectivo do programa Apego, que “sempre esperta moito interese e no que a participación sempre é moi alta”, o que amosa “a necesidade que teñen as familias de actividades, espazos e recursos que favorezan a crianza en galego”.
Programación
A festa comezará ás 11:00 horas co espectáculo Son no berce, de Cris Collazo, un concerto didáctico-sensorial para bebés co obxectivo de espertar as emocións a través de estímulos sensoriais: imaxes, palabras, tactos, aromas e música. Esta actividade está dirixida a crianzas de cero a tres anos.
Ás 12:00 horas chega, para as nenas e nenos de a partir de tres anos, O pozo do encanto de Lydia Botana e Fabaloba. Levarán a Ames contos, cancións e recursos lúdico-educativos para enriquecer a crianza dun xeito divertido e creativo.
A mañá continúa ás 13:00 horas co espectáculo para toda a familia Cantacontos a carón da fiestra, onde os contos, a música e a poesía “nos levan de viaxe polo máxico mundo dos soños” da man de Manolo Boquete e Ramón Feáns.
Consulta aquí a programación completa
Babaluva Teatro abre a sesión da tarde ás 17:00 horas coa súa Feira das sementes, dirixida a crianzas de a partir de 3 anos. Mirari Urruzola traeranos “a feira máis pequena do mundo”, na que nada se vende e na que as sementes se trocan por outras, por un conto, un refrán, unha canción ou unha adiviña.
Ás 18:30 horas “daremos voltas, revoltas e reviravoltas” coas Maimiñas e o seu concerto participativo de ritmos variados e melodías diversas para toda a familia viaxe polo mundo adiante sen saír do Pazo da Peregrina.
A III Festa do Apego péchase ás 20:00 horas coa actuación do grupo Migallas que nos ofrecerá as súas cancións máis populares para bailarmos e cantarmos a ritmo de rock, cumbia, rap, reggae, pasodobre ou rumba.
Ó longo do día tamén haberá catro actividades de xeito permanente, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas: o Espazo do Apego, con información sobre o programa; o Espazo de Recursos, cunha ampla mostra de materiais para facilitar a crianza en galego; o Espazo de Xogos de Mesa e o Espazo de Xogo Libre.
Discussion about this post