A Real Academia Galega presentou este luns “Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames”, unha guía que busca contribuír á reflexión sobre a situación sociolingüística e que propón estratexias de cara á planificación nos centros educativos dende a premisa do ecolingüismo como “unha aposta ética e unha opción viable”.
O folleto dálle continuidade á colaboración entre a RAG e o Concello de Ames arredor do mapa sociolingüístico escolar municipal e sae do prelo co apoio do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. Na presentación, que tivo lugar este luns na Casa da Cultura do Milladoiro, interviron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo; a coautora da guía e profesora de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, María López Sández; o tenente de alcalde e concelleiro de Educación de Ames, David Santomil; a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Un recurso de formación para o profesorado
Tras a elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, constatouse a necesidade de fornecer o profesorado de formación e recursos sobre o plurilingüismo, unha eiva que esta guía, elaborada dende o Seminario de Sociolingüística da RAG coa colaboración de Bieito Silva e María López Sández, pretende contribuír a paliar comezando pola definición do propio concepto, explica Henrique Monteagudo.
“Tal e como esta presentado no Decreto 79/2010, o plurilingüismo abórdase dende unha visión moi instrumental. Pero cómpre ir máis alá da mera aprendizaxe das linguas, e do inglés en particular, e ter en conta o diálogo intercultural”, salienta o coordinador do Seminario de Sociolingüística.
Na presentación da guía os autores lembran os riscos dunha implantación acrítica de modelos educativos multilingües “sobre os procesos pedagóxicos, as prácticas dos falantes ou a situación social das linguas minoradas”; e sinalan tamén outros elementos que cómpre ter en conta en contextos coma o de Ames onde, xunto aos cambios sociais derivados da irrupción das novas tecnoloxías, se experimenta un crecente impacto da inmigración que debe abordarse cunha proposta respectuosa cos galegofalantes e, ao mesmo tempo, “acolledora para a nova veciñanza e útil para o futuro do alumnado”.
“Nun contexto de globalidade, comunicación e intercambio coma o actual, a escola galega precisa atopar un xeito de garantir ás novas xeracións as competencias necesarias no presente pero asegurando na mesma medida o futuro da lingua galega”, expón a guía, que conclúe que en Galicia un “plurilingüismo socialmente inclusivo, respectuoso e potenciador da diversidade, que garanta a competencia en varios idiomas e que se comprometa co futuro da lingua galega debe construírse a partir do galego”.
A concelleira de Normalización Lingüística subliña que os beneficios do plurilingüismo son “indiscutibles, máis tamén é indiscutible o feito de ter que levar a cabo unha proposta de plurilingüismo inclusivo dende o galego asegurando na mesma medida o futuro da nosa lingua”.
Escarlata Pampín lembra, neste sentido, os datos do mapa sociolingüístico escolar de Ames, que reflicten a creba na transmisión xeracional da lingua. “O dato esperanzador é a presenza case parella do galego e o castelán entre as familias do municipio. Pero o castelán é a lingua principal de máis do 70% do alumnado de educación primaria. Os resultados amosan que o proceso de abandono da lingua comeza xa no primeiro contacto coa escolarización. Cómpre actuar con urxencia, antes de que a desfeita sexa irreparable”, indica.
A concelleira expresa por último “a disposición absoluta por parte do Concello de Ames para colaborar, participar ou ser diana de calquera proposta ou proxecto pioneiro” que promoción do galego.