Ames acollerá a saída da última etapa da volta a Galicia O Gran Camiño

A última etapa desta proba, que percorrerá as catro provincias galegas, sairá dende Novo Milladoiro e rematará na Praza do Obradoiro
A presentación da etapa da volta O Gran Camiño | CEDIDA
A presentación da etapa da volta O Gran Camiño | CEDIDA

Ao igual que en 2022 o concello de Ames acollerá a saída dunha das etapas da volta ciclista a Galicia O Gran Camiño. Neste caso, en 2023, acollerá a saída da cuarta e última etapa. Será unha contrarreloxo entre O Milladoiro e a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. A cita será do 23 ao 26 de febreiro, con catro etapas, unha por provincia, e xa está confirmada a participación do Team Movistar e do Jumbo Visma co vixente campión do Tour, Jonas Vingegaard.

Esta mañá presentouse na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, Esta última etapa da volta ciclista O Gran Camiño presentouse na Praza do Obradoiro coa participación do alcalde de Ames e deputado provincial, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o responsable da proba, Ezequiel Mosquera, o exciclista e padriño da proba, Óscar Pereiro, e mailo exciclista, José Angel Vidal.

Ademais de deporte e promoción do territorio, O Gran Camiño será na súa segunda edición un trampolín do patrimonio galego, ao que dedicará moitas chiscadelas no seu percorrido, empezando pola saída e a chegada a dúas contornas Patrimonio da Humanidade da Unesco polos que pasa o Camiño de Santiago. Tras saír da muralla romana mellor conservada do mundo, a de Lugo, e pasar polas provincias de Pontevedra e Ourense, a gran rolda galega terá o seu final na praza do Obradoiro de Santiago, declarada tamén patrimonio xunto co conxunto histórico da cidade e a propia Catedral.

Así o desvelaron os seus responsables, na presentación da última etapa do Gran Camiño, que será para a provincia da Coruña, con inicio no parque empresarial Novo Milladoiro, no Concello de Ames, e chegada en Santiago de Compostela. “Esta é case a cidade que lle dá sentido a todo”, dixo durante o acto o responsable da proba, Ezequiel Mosquera, que considerou “moi especial” esta etapa que “terá como final esta praza na que estamos hoxe”, en referencia ao Obradoiro.

A volta contará así moito da historia galega para proxectala ao mundo: “arrincaremos da Muralla de Lugo, iremos ao Trega, onde está a orixe de Galicia, iremos ata Valdeorras, a apoiar aos afectados polos incendios, e acabaremos na cidade que lle dá sentido a todo”, explicou Mosquera, que lembrou que a proba, desde o seu propio nome, “vai máis aló dunha volta ciclista”.

Con este percorrido, as catro provincias galegas estarán “proxectadas no Camiño dos Camiños” e percorridas por un pelotón con nomes de primeiro nivel como o do gañador do último Tour de Francia, Jonas Vingegaard.

Na mesma liña, o exciclista galego Óscar Pereiro, padriño da proba, eloxiou o éxito da primeira edición do Gran Camiño e augurou que se superará este, mentres que destacou a capacidade do ciclismo para “difundir unha terra que ‘es la leche’”, en referencia a Galicia.

Territorio ciclista

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, confirmou durante a presentación da etapa o apoio da institución provincial a esta rolda e ao recoñecemento da Coruña e de Galicia como “territorio ciclista”. “É unha proba que soa moito e está aquí para quedar”, explicou González Formoso, que confiou en que permita dar a coñecer ao mundo os recunchos máis espectaculares desta provincia.

No acto de presentación participou o alcalde de Ames e deputado provincial, Blas García, que destacou o arranque no parque empresarial Novo Milladoiro, onde teñen a súa sede empresas punteiras de sectores como o tecnolóxico ou o audiovisual. A continuación, García reivindicou que o seu municipio é único de Galicia polo que “pasan tres camiños de Santiago”.

Finalmente, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que esta volta transmitirá a todo o mundo “unha imaxe fantástica e preciosa do noso país” nun ano que, ademais, xa non será Ano Santo, co que se incrementa a importancia de difundir os recunchos galegos.

Catro etapas

Tras o absoluto éxito da primeira edición, O Gran Camiño 2023 quenta motores para unir de novo deporte, turismo e promoción do territorio nun evento que xa apunta maneiras, tendo en conta que xa está confirmada a participación nel do Team Movistar, que busca revalidar o protagonismo do que gozou o ano pasado, e do Jumbo Visma, o equipo número 1 do mundo, que acudirá co vixente campión do Tour, Jonas Vingegaard, á cabeza.

En total, O Gran Camiño serán catro etapas, entre o 23 e o 26 de febreiro, unha por cada unha das provincias galegas. Con iso, os organizadores buscan sumar ao propio espectáculo do ciclismo profesional internacional a promoción do territorio, outorgando a cada provincia e á súa singularidade o espazo que se merece.

Nesta edición, o arranque será en Lugo, con inicio na Muralla Romana da capital provincial e final en Sarria; para pasar despois á etapa de Pontevedra, que arrincará na histórica cidade de Tui para subir ao alto inédito en ciclismo profesional de Santa Trega. A etapa reina, unha vez máis, será en Ourense, con inicio en Esgos e final en Valdeorras, para render homenaxe aos territorios afectados polos incendios. Para concluír, A Coruña estará representada por unha etapa contrarreloxo entre o parque empresarial Novo Milladoiro e a praza do Obradoiro, en Santiago.

O Gran Camiño permitiu o ano pasado que as paisaxes galegas chegasen a millóns de espectadores de todo o mundo a través das súas canles de difusión e, principalmente, da emisión de Eurosport, constituíndo unha auténtica “xanela ao mundo” para Galicia. Tamén nas estradas, devolveu aos galegos a posibilidade de gozar dunha volta ciclista profesional 20 anos despois da última Volta a Galicia destas características.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.