O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza o sábado 6 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a cuarta Festa do Apego, celebrando este programa que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de cero a seis anos e contribúe á socialización en galego. A entrada será libre e gratuíta.
Esta xornada festiva e ateigada de actividades variadas e participativas orientadas a un públìco infantil e familiar desenvolverase de 11:00 a 21:00 horas, con concertos, espectáculos interactivos, sesións de contos con música, obradoiros, xogos e espazos informativos e de recursos para enriquecer a crianza. As librarías de Ames, Máinomen e Lenda de Bertamiráns e Nenos Nais do Milladoiro colaboran co proxecto ofrecendo nos seus escaparates unha mostra de recursos infantís en galego —libros, discos, xogos, contos…— que estará dispoñible desde o 2 ao 6 de maio. Se o tempo non permitise desenvolver as actividades en exterior, trasladaríanse para a Casa da Cultura de Bertamiráns.
Programación
A festa do Apego comeza ás 11:00 horas coa actividade “Triscus Beliscus”, de Rilo & Penadique. Nela, Vero Rilo e Sonsoles Penadique convidan á cativada a xogar, cantar, contar e bailar. Está dirixido a nenos e nenas de cero a tres anos. Ás 12:00 será a hora dos “Contos para caghar patatillas”, de Brais das Hortas, que achegará música, clown e contos a partes iguais con instrumentos de refugallo creados en directo. Trátase “dun espectáculo para morrer de medo… ou de risa!” Diríxese ás crianzas a partir de tres anos.
Para rematar a quenda de mañá, ás 13:00 horas Magín Blanco presentará o espectáculo “Caderno de cores e cancións”. Será un concerto participativo no que Magín Blanco e Pablo Vidal convidan ás crianzas a xogar cos elementos que compoñen as cancións, como melodías, harmonías, rimas ou ritmos. Esta actividade diríxese a un público familiar.
Ás 17:00 horas Xarope Tulú chegará ao pazo coa Lingoreteira, unha sesión de contos, música e monicreques para facer un percorrido polas historias da tradición oral e para homenaxear a lingoreteira que hai dentro de cadaquén e que permite que a palabra e a oralidade sigan a crear vínculos de apego co noso. Esta actividade está recomendada para un público a partir de tres anos.
Pakolas e Laura Romero aterran na Festa do Apego ás 18:30 horas coa actividade “Cores, contos e rockanroll coa Ramona pequena”, un espectáculo interactivo para familias no que as cores e os debuxos se mesturan cos contos e coa música rokeira para fartarse de cantar, de bailar e de gozar en todos os sentidos. Ás 20:00 horas A Gramola Gominola pechará a festa co concerto “O poder da Superlingua”, para rematar o día cantando e bailando cos ritmos máis actuais e diversos.
Actividades permanentes
Ao longo de todo o día a Festa do Apego contará tamén cunha serie de “espazos permanentes” nos que as nenas e os nenos poderán estar xogando ou lendo e as persoas adultas vendo e recollendo información sobre diferentes recursos educativos. Estarán abertos das 11:00 ás 13:00 e das 16:30 ás 20:00 horas. Neses espazos estará Brazolinda con xogos de mesa de moi diferentes temáticas e para todas as idade, e Miudiño co seu espazo de xogo libre “Terra”, creado con material natural non estruturado con múltiples posibilidades para fomentar a creatividade.
Noutro dos espazos estará Fabaloba cunha ampla mostra de recursos para facilitar as diversas etapas e momentos da crianza, con contos, música, audiovisual ou xogos. Por último, a festa contará cun espazo Apego no que o persoal do Servizo de Normalización Lingüística achegará información sobre o programa e os recursos que pon ao dispor das familias interesadas.
Asmesmo, entre as 17:00 e as 20:00 horas desenvolverase un taller de tatuaxes e chapas con Apego a cargo de Eduvía, para que os nenos e nenas que o desexen poidan elaborar tatuaxes temporais e levar un agasallo en forma de chapa da Festa do Apego.
Á presentación do programa acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Fátima Souto. Pampín destacou a “demanda constante” deste tipo de actividades por parte das familias amesás e a necesidade de seguir achegando recursos lúdicos e formativos que favorezan a transmisión da lingua. Agarda que esta festa sexa “un espazo de encontro” para todas as familias interesadas nunha crianza en positivo e “chea de apego e orgullo polo noso”.
Para obter máis información pódese escribir ao enderezo electrónico [email protected] ou chamar ao número de teléfono 662 377 215.