Agora que RTVE con Chanel e SloMo parte coma grande favorita desta Eurovisión, imaxinamos como sería o festival en Compostela de participaren Televisión de Galicia en Turín e gañaren Tanxugueiras con Terra. A vitoria das pandeireteiras permitiríanos dar a coñecer o noso país ao mundo, unha oportunidade para promocionarmos no eido internacional, sen ter que adicar un grande orzamento á organización do evento: 20 millóns de euros. Trataríase dun concurso low-cost para 180 millóns de telespectadores, 2.000 xornalistas acreditados e atraería uns 40.000 turistas á comunidade, ademais de ingresarmos ata 100.000 euros de beneficios económicos, como acadou Portugal no certame de 2018.

Sede
Nesta aventura eurovisiva, a TVG debería apoiarse na RTP para preparar o mellor espectáculo musical posible. Paralelamente, a Corporación, a Xunta e o Concello repartiríanse o investimento aprobado da vindeira edición. Un dos debates que nos quentarían máis a cabeza sería a escolla da cidade anfitrioa. As típicas rivalidades entre municipios deberían quedar fóra para non demorar os tempos. O compostelán Multiusos Fontes do Sar, que foi sede do Cirque du Soleil e onde actuaron artistas de renome coma Bob Dylan e Bonnie Tyler, é o único recinto que cumpre cos requerimentos mínimos para celebrar unha produción deste tipo, cunha capacidade para 9.000 persoas en concertos.
Mestres de cerimonia
Outra das incógnitas por despexar serían os presentadores da gala. Nun perfecto «galinglish» contariamos con tres condutores para achegarmos a tódalas idades. Non dubidamos do grande papel que faría Neves Rodríguez, a mellor comunicadora que tivo a Galega, a xornalista responsable do programa de divulgación Dígocho eu, Esther Estévez (Premio Mestre Mateo 2022) e o veterano Xosé Ramón Gayoso, á fronte de Luar dende 1992. A tríade estaría acompañada dunha das artistas máis coñecidas do país, Pili Pampín, quen acollería á corentena de participantes na famosa Green Room, o espazo na que os representantes de cada televisión agardan para actuar e gozan da festa.


Gala
Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro abrirían a noite. Boa noite, good evening, Europe and Australia!, berrarían os mestres de cerimonia. Cos 25 finalistas ready, as postais que preceden a cada actuación presentarían os recunchos máis lindos de Galicia onde cada participante descubriría unha paraxe distinta do noso país. Que fantasía sería ver os representantes percorrendo as catro provincias: as Fragas do Eume, o Entroido de Verín, a Praia das Catedrais ou as Illas Cíes! Terminadas as cancións, Mercedes Peón, Baiuca e Berto amenizarían o intermedio, ademais de Lucía Pérez, a primeira galega que foi a Eurovisión, mesturando tradición e modernidade mentres se acadan os votos e proclámase un novo vencedor.
Eurovillage
Eurovisión non sería nada sen os eurofans. A Cidade da Cultura no Gaiás sería o punto de encontro para a comunidade do festival, unha vila cunha programación cultural e musical ao longo da semana do certame na que poder desfrutar das semifinais e da grande noite do sábado en pantallas xigantes e coa presenza de cantantes emerxentes, coñecidos do país e relacionados co concurso, unha boa oferta gastronómica, casetas de patrocinadores e actividades para tódolos públicos. A festa continuaría pola noite na Sala Capitol, o Euroclub para as delegacións, a prensa acreditada e os afeccionados, unha burbulla propia onde gozar do ambiente 100% eurovisivo.
