O Concello de Brión xa ten aprobados os seus orzamentos para 2026, que ascenden a 9,24 millóns de euros, un 18,98 % máis que os últimos aprobados, os de 2024. A proposta contou co apoio do PSOE e do PP e co voto en contra do BNG.
O concello prevé así ingresar 242.000 euros pola venda de cinco parcelas municipais destinadas á creación de vivenda libre e protexida, terreos que foron adquiridos polo Concello en 2024 por 164.560 euros. Segundo o alcalde, Pablo Lago Sanmartín, a operación permitirá impulsar novas vivendas e deixar uns 80.000 euros de retorno económico nas arcas municipais.
Máis investimento en servizos e infraestruturas
Os orzamentos reservan partidas para servizos básicos como a axuda no fogar, que contará con 608.000 euros, o abastecemento de auga, con 495.000 euros, e o saneamento e a depuración de augas residuais, con 210.000 euros.
Entre as principais actuacións previstas figuran 537.000 euros para reformar o campo de fútbol de Bastavales, preto de 200.000 euros para mellorar as redes de saneamento e abastecemento en varias parroquias e medio millón de euros para estradas e accesos a núcleos de poboación.
Tamén destaca o proxecto de mellora do complexo deportivo de Pedrouzos, cun investimento de 1,19 millóns de euros e unha achega de 500.000 euros da Xunta. A actuación permitirá renovar o céspede do campo de fútbol e mellorar a circulación e os accesos na contorna.
PSOE e PP apoian as contas e o BNG critica a planificación
A voceira socialista, Sandy Cebral, definiu os orzamentos como equilibrados, realistas e sociais. O Goberno local destaca os incrementos nas partidas de servizos sociais, cultura, deporte e educación.
Pola súa banda, o PP xustificou o seu voto favorable ao considerar que as contas responden ás necesidades actuais do municipio e agradecer que se tivesen en conta algunhas das súas propostas.
O BNG votou en contra. O seu voceiro, Xosé Luís Penas, criticou a presentación tardía dos orzamentos e o pouco tempo dispoñible para estudalos. Tamén cuestionou a política social e de investimentos do Goberno local, aínda que recoñeceu que as contas cumpren formalmente os requisitos e non teñen reparos da Intervención municipal.
O Executivo brionés defendeu as partidas previstas e asegurou que os investimentos recollidos no documento orzamentario permitirán desenvolver actuacións por máis de 6,5 millóns de euros.