Pablo Lago, alcalde de Brión: “É unha etapa complicada pero con esforzo, humildade e traballo estamos sacando todo adiante desde o concello”

IMG_5990

Llegó a la alcaldía en un momento complicado, en el que la pandemia del coronavirus cambió todas las prioridades, pero Pablo Lago ha conseguido que todos los vecinos y vecinas de Brión “se sintan atendidos polo seu concello”

—El Concello de Brión acaba de presentar los presupuestos municipales de 2021. ¿Cuáles son las principales partidas de gasto y proyectos de estos presupuestos?

—Os Orzamentos Municipais para 2021 ascenden a 6.710.037 euros e manteñen as inversións en servizos sociais, cultura, transportes, emprego… Brión sempre se caracterizou por ser un dos Concellos cun maior índice de execución do seu orzamento. Por iso, son uns orzamentos realistas e axustados, nos que non presupostamos ningunha acción que sabemos que non se vai poder facer como, por exemplo a Viaxe dos Maiores ou a Festa dos Vellos. Son dous eventos que agardamos poder recuperar en 2022 pero que a prudencia aconsella non celebrar mentres continúe a pandemia.

A partida destinada a gasto corrente en bens e servizos medra un 1,67%, sobre todo polo mantemento dos servizos básicos e por unha importante suba nas consignacións destinadas á atención das necesidades xurdidas pola crise sanitaria da Covid-19. Destinaremos máis de 750.000 euros a investimentos onde, ademais da importante achega da Deputación a través do Plan Único, investiremos 200.000 euros na compra dun novo tractor e material para o mantemento e roza de camiños e estradas. Tamén destinaremos máis de 165.000 euros a obras de mantemento de espazos públicos, melloras nos locais sociais, mantemento dos parques infantís e melloras no alumeado e mobiliario público. Porque tan importante é facer cousa novas como manter no mellor estado todo o que xa temos en Brión.

—¿En qué medida ha condicionado la pandemia la confección de estos presupuestos? ¿Aumenta el gasto social?

—No ano 2020, o Concello de Brión aumentou nun 10% a partida para emprego e para servizos sociais co obxecto de afrontar as novas necesidades xurdidas pola pandemia da Covid-19. O que fixemos este ano foi manter e reforzar eses investimentos, polo que seguimos investindo un 10% máis en servizos sociais e emprego do que sería un ano normal.

—Con respecto a las obras del Plan Único de la Diputación, ¿cuáles serán este año las principales inversiones?

—Os 248.698,79 euros da Achega Provincial 2020 destinaranse a catro proxectos de obras: pavimentación da travesía de Bastavaliños (Bastavales), ampliación das redes de saneamento e abastecemento de auga nas aldeas de San Salvador (San Salvador de Bastavales) e O Cabo (Os Ánxeles), mellora das redes de saneamento e pluviais da aldea de Tourís (Luaña), e ampliación das redes de abastecemento e saneamento na aldea de Lamiño (Brión). Os 230.267,13 euros da Achega Provincial 2021 serán destinados a gasto corrente, mentres que os 141.100 euros do POS+Adicional 2021 servirán para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Finalmente, o Plan Complementario do ano 2021 destinará 319.479,93 euros a dúas obras: mellora de viarios en O Cabo (Os Ánxeles) e A Graña (Cornanda) e ampliación das redes de abastecemento e saneamento na aldea de Buio (Os Ánxeles). En total, estamos falando de 938.545,85 euros, unha mostra do compromiso da Deputación co Concello de Brión.

—¿Cómo son las relaciones del Concello de Brión con la Diputación da Coruña y la Xunta de Galicia?

—Moi boas. Nestes meses que levo como alcalde xa recibín a visita do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que se comprometeu a poñer en marcha un matadoiro móbil de aves e coellos que complementará o magnífico traballo que se está a realizar desde o espazo colaborativo “Transformando en Brión”. Tamén temos o seu compromiso de editar máis exemplares do libro “A batalla de Altamira”, para que así cada familia de Brión poida ter o seu exemplar nun ano no que se conmemora o 550 aniversario desta data histórica para Galicia, non só para este val da Amaía.

Así mesmo, a relación coa Xunta de Galicia está a ser moi boa. O presidente Núñez Feijoo foi unha das primeiras persoas en dirixirse a min cando fun elixido alcalde e xa mantiven reunións co vicepresidente Alfonso Rueda e coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nas que escoitaron e comprometéronse a dar unha solución ás necesidades de Brión. Por exemplo, Rueda comprometeuse a achegar este ano un novo equipo de excarceración para o GES de Brión, mentres que Ethel Vázquez está a estudar o acondicionamento da avenida de Noia. Un proxecto que nos permitiría anchear as beirarrúas e mellorar a seguridade viaria na zona, especialmente na rotonda dos Ánxeles, onde xa houbo varios accidentes. A cambio, o Concello faríase cargo da titularidade desta estrada, o que tamén nos permitiría dar unha resposta moito máis rápida ás necesidades dos veciños e veciñas da zona.

—Los concellos se quejan desde hace tiempo de las competencias impropias que deben asumir, ¿es necesario un cambio en el modelo de financiación de los municipios?

—É unha situación complicada pois como lle explicas a unha persoa que ten unha necesidade que iso non é competencia túa? Por exemplo, temos varios casos de persoas de Bastavales que critican a falta de seguridade na estrada Os Ánxeles-Picaraña. E no Concello estamos de acordo, incluso aprobamos un informe da Policía Local que dicía que era o punto negro máis importante de Brión. Pero esa estrada é de competencia autonómica e non podemos actuar. Non podemos colocarlle un paso de peóns, nin cambiar a sinalización. Só podemos pedirlle ao seu titular que así o faga, nada máis. Incluso chegamos a facer unhas beirarrúas na zona para maior seguridade das persoas pero, como a estrada non era nosa, non podíamos expropiarlle terreo á veciñanza, só puidemos actuar naqueles terreos que nos cederon os propios veciños. Así, onde o veciño foi xeneroso hai unhas beirarrúas anchas, e onde non, son moi estreitas.

O problema é que a xente non entende de competencias, só ve os problemas e queren que llos soluciones. Os Concellos somos a Administración máis próxima á veciñanza, polo que é normal que os veciños e veciñas sempre se dirixan a nós para dar traslado das súas necesidades. Cunha lexislación que non nos permite contratar persoal non podemos seguir asumindo competencias impropias. Fixémolo, por exemplo, cando contratamos monitores para que as familias puideran ter servizo de comedor no CEIP de Pedrouzos pero non é algo que un Concello pequeno poida asumir eternamente. É preciso que cada Administración se faga cargo das súas competencias, independentemente da cor política de cada un, ou do contrario facilite a financiación precisa para que ese servizo ou actuación poida executarse.

—¿Cómo ha vivido la pandemia el Concello de Brión?

Os Servizos Sociais están e estiveron activos ao 150%, atendendo ás familias máis desfavorecidas. Están a facer un amplo seguimento para que ninguén o pase mal nestes momentos. A maiores, dende o Concello fixemos unha gran achega para contratar monitores para que a rapazada puidera ter o servizo de comedor no colexio e colaboramos no Plan Reactiva da Deputación. Tentamos paliar os efectos da covid-19 tanto na veciñanza como nas empresas e seguiremos botando unha man en todo o que poidamos. A situación non é doada. Ata hai pouco non se podía facer case que ningún evento, nin sequera reunións cos veciños e veciñas. Aínda así, dende o Departamento de Cultura fomos quen de sacar programas de apoio ao sector cultural, con espectáculos descentralizados e de formato máis pequeno pero que permiten contar cos artistas e grupos locais de Brión.

—¿Qué balance realiza de sus primeros meses en el cargo?

Pois foron meses de moito traballo, humildade e esforzo para conseguir que os veciños e veciñas de Brión se sintan atendidos polo seu Concello, que é o que penso que debemos facer. A situación non é doada en ningún sentido. Non se pode facer case ningún evento, reunións cos veciños para explicarlles o que estamos facendo, o que imos facer ou coñecer as súas inquedanzas e necesidades. É unha etapa complicada pero con esforzo, humildade e traballo estamos sacando todo adiante. Agardamos poder ir recuperando pouco a pouco a normalidade.

—¿Qué tres retos principales tiene su gobierno a corto y medio plazo?

Unha vez remate a pandemia sanitaria, que ata o de agora é o eixo vertebrador de todas as políticas municipais, imos continuar coa renovación do alumeado público. Comezamos nos Ánxeles, Brión e Boullón pero queremos levalo a máis parroquias, pasando todo a iluminación con LED pois supón unha mellora para o noso medio ambiente e tamén un importante aforro na factura eléctrica.  Tamén queremos retomar o mantemento das nosas estradas. Son consciente de que hai queixas de que quedaron algo abandonadas debido á falta de persoal.

Tivemos unha gran cuadrilla de obras pero co paso do tempo o persoal foise xubilando e, legalmente, non nos deixaron repoñelo. Cando menos este ano poderemos contratar persoal por 12 meses, con cargo a unha subvención da Deputación. Así poderemos darlle unha limpeza a todo o concello en materia de cunetas, pistas e  estradas… para mantelo como estaba ata o de agora. Tamén temos un proxecto de cara ao verán para aglomerar varias estradas en quente e que ascende a un millón de euros.

Seguimos mantendo todas as actividades de conciliación para as vacacións de verán e puxemos en marcha unha segunda edición do Brión coa cultura, para achegar de balde actuacións de calidade aos adros das igrexas das distintas parroquias. Deste xeito tamén apoiamos ao sector cultural local.

—¿Cómo es la relación con los concellos limítrofes? Con Ames, por ejemplo, tienen varios proyectos en común.

—En Brión estivemos e estamos sempre abertos a colaborar con Ames. Hai uns días asinamos un convenio para xestionar conxuntamente a ETAP Ames-Brión e levamos moitos anos colaborando en programas de formación e emprego, con moito éxito e que facilitaron o acceso ao mundo laboral de moitos veciños e veciñas do noso municipio.

Agora estamos traballando a posibilidade de crear un punto limpo compartido, que daría servizo aos veciños de Brión e tamén aos de Bertamiráns e das zonas máis próximas a Tapia. Sabemos que temos gran parte desas necesidades cubertas co servizo de recollida da Mancomunidade do Barbanza, pero tamén somos conscientes de que moitos veciños e veciñas demandan este servizo e, ao final, nós estamos aquí para dar resposta ás súas necesidades.

—¿Cree que será posible dar solución pronto al Parque Comarcal de Bomberos?

—Falaba antes da boa relación que temos con Ames e o seu alcalde é precisamente o deputado provincial encargado dos servizos de emerxencias. Estamos de acordo con el en que o máis factible, máis beneficioso para todos e máis rápido é facer pivotar o parque comarcal sobre o parque de bombeiros de Santiago, con acordos coa Xunta e cos traballadores do parque. Agora ben, tamén recoñezo que non é un tema que me quite o sono pois aquí en Brión contamos cun Grupo de Emerxencias Supramunicipal que garante a mellor atención as 24 horas do día dos 365 días do ano. Sentímonos moi seguros e a sintonía coa Xunta de Galicia é moi boa nesta cuestión. Dende o concello acabamos que mercar un novo camión autoescada que permite actuación a máis de 8 pisos de altura, mentres que o vicepresidente Alfonso Rueda se comprometeu a achegar un novo equipo de excarceración e colaborar na ampliación das instalacións do GES de Brión.

—Hace poco se celebró la Andaina Terras de Altamira, con gran acogida por parte del vecindario. ¿Nota un incremento de participación en las alternativas de ocio vinculadas a la naturaleza?

Creo que o confinamento, primeiro, e os peches perimetrais que houbo despois trouxeron algo bo: que a xente redescubrira o lugar onde viven. No noso caso notamos un incremento de peticións de información non so sobre as rutas de sendeirismo sinalizadas, senón dos distintos elementos que conforman a riqueza natural, paisaxística e patrimonial de Brión. Por iso, unha das accións principais dos orzamentos deste ano está dedicado a manter e poñer en valor ese rico patrimonio que temos en Brión e que calquera pode coñecer de forma sinxela descargando gratuitamente as nosas aplicacións móbiles, dispoñibles tanto na nosa nova páxina web (www.concellodebrion.gal) como en Play Store ou Apple Store.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.